mércores, outubro 18, 2017

Joaquín Míguez Ledo




    Os paseos, nomeadamente cando eran en número importante, quedaron fixados con grande intensidade no imaxinario popular e a transmisión oral foinos reproducindo co dramatismo dos crimes masivos. A ausencia absoluta do calquera formalismo legalista engadíalle unha dose de arbitrariedade e de xenreira persoal que os facía perdurar na memoria colectiva. Non pasou o mesmo cos asasinatos cometidos baixo o paraugas da verborrea xurídica dos consellos de guerra. En moitos casos, a non ser que as vítimas fosen personaxes socialmente relevantes, a lembranza destes crimes quedou reducida ao ámbito familiar.

    Este é o caso de Joaquín Míguez Ledo. Un home novo, tiña 29 anos cando os disparos lexitimados pola farsa do consello de guerra que resolvía a causa 805/36 contra varios veciños de Gondomar, entre eles o alcalde democrático da vila José Pequeño Rodríguez, remataron coa súa vida. Foi o 24 de outubro de 1936, ás catro da tarde, contra as tapias do cemiterio de Pereiró.

    Non era orixinario do Val Miñor, seguramente esta circunstancia explica que  apenas sexa recordado polas testemuñas orais, senón de Vilasobroso,  no concello de Mondariz, fillo de Jesusa e de “incógnito”, como figura nos papeis.

    Estaba solteiro, legalmente, e residía en Vilaza coa súa compañeira Esperanza. Esta convivencia foi tamén causa de escándalo para os moralizantes golpistas que mesmo se atreveron a empregar este feito como descrédito do encartado no consello de guerra. O eficientísimo perseguidor de “rebeldes” contra o “Glorioso Movimiento Nacional” cabo da Guarda Civil, Florencio Márquez Parra, a versión gondomaresa do cabo Pena ou do tenente Rabioso, escribe, no seu informe sobre Míguez Ledo: “vive maritalmente con una mujer en la parroquia de Villaza, familia que es de dudosa conducta, lo que dá lugar a dudar de la del informado”; mentres, o flamante presidente da xestora de Gondomar, doutor Latino Salgueiro, sentencia: “persona de mala conducta, pues vive amancebado en la parroquia de Villaza”. Joaquín e Esperanza Hermida contraerían matrimonio “in articulo mortis”.

    Cal foi o delito cometido por este xornaleiro de Vilaza? Presidir, na altura de xullo do 36, o Sindicato da Construción de Gondomar, unha activa asociación obreira que determinaba intensamente a vida deste concello e moito máis naqueles días. Míguez Ledo asumiu o seu papel como dirixente sindical e organizou a defensa do goberno “lexítimo” de Madrid e unha “ilusionada” resistencia aos militares.

    Latino Salgueiro, consciente da influencia das súas palabras, escribía no seu informe ao xuíz militar que Míguez Ledo era “quien verdaderamente daba las ordenes para armar la gente y para requisa de armas y coches, desempeñando el papel de verdadero Jefe”. Mentres que o cabo Márquez considera que “en esta campaña extremista, ayudó a la propagación de la misma, que a pesar de ser obrero tiene bastante discernimiento”.

    O obreiro e líder sindical pagou coa súa vida por defender o réxime democrático e republicano e tamén pola rabia dos represores ao non poder encartar e condenar ao mestre de Donas, José Cribeiro González. Naqueles días de xullo o mestre estaba en Pontevedra formando parte dun tribunal de selección de mestres e polo tanto non estivo en Gondomar, o cal non lle impide ao cabo Márquez, consideralo “autor moral a (?) la campaña ejercida en favor del partido comunista cuyos frutos son los que hoy lamentamos” e considera a Joaquín Míguez Ledo, lugartenente do anterior. Pola súa banda Latino Salgueiro indica que José Cribeiro “fue en Gondomar el encargado de hacer propaganda comunista, sin que se le haya visto actuar al frente de los elementos extremistas como dirigente”, cousa que si fixo Joaquín Míguez Ledo, como xa indicamos.

Martes, 17 de outubro de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario