Dixemos
onte que estes “retallos” arrastrounos a unha costaneira máis política da que
quixera o seu autor. Tampouco era cuestión de mirar para outro lado. Xa que
logo vou arriscar unhas opinións para que non sexan compartidas por todas as
persoas que as poidan ler, ou si, se queren.
Coido
que o “procés”, algúns chámanlle “desafío, catalán é prexudicial para a
“cuestión” galega. Non só porque como é sabido a inserción da economía galega no marco
español e europeo é ben diferente da catalá; ou porque as elites galegas, en
moitas ocasións alleas, mesmo catalás, renunciaran, xa hai, ao exercicio de
calquera caste de poder político máis alá da xestión, a cambio de carreiras
persoais ou familiares, máis ou menos brillantes, na administración, na
política ou na milicia. Manuel Veiga estudou a cuestión, parcialmente, a través
das páxinas do Faro de Vigo, e publicouno, en resumo, baixo o rótulo de O pacto galego na construcción de España
(A Nosa Terra, 2003). Franco, Fraga (o pobre non chegou a tanto) ou Rajoy son
exemplos doados de lembrar pola súa proximidade. Poderiamos poñer outros nomes
máis recuados.
E
non só polo anterior, senón tamén porque provoca a exaltación españolista e debilita
unha posible e para nós necesaria alianza cara a unha configuración
plurinacional do estado ao situar a “cuestión” catalá noutra orde de cousas. E
sobre todo é ao que mais lle temo porque pode provocar un desenfoque no
nacionalismo galego, por mor do seu eterno complexo de liliput, como xa lle
aconteceu na década dos oitenta do pasado século. Naquela altura estragou anos ensimesmado polo “patriotismo
vasco” ata que a extensión do sufrimento non compartido rematou por esgotar
tamén os vascos, os mortos e os matadores dunha e doutra banda, convencidos xa de
que a súas lexitimas reivindicacións, as duns, eran incompatibles coa irracionalidade
inhumana. Agora o nacionalismo galego pode ficar obnubilado pola lexítima reivindicación
da cidadanía catalá, realizada dende un admirábel e escrupuloso exercicio de
democracia, e arrastralo a confundir oriente con occidente.
Resaltar
a referida lección de democracia que nestes dez últimos anos nos ofreceu a
cidadanía catalá que foi quen de responder a vontades democráticas
negadas, incumprimentos reiterados,
negativas constantes, desprezos incesantes, con fortaleza nas rúas e contención
nos xestos, nas expresións, no respecto ás opinións e en civismo democrático.
Esa lección non vai dirixida só á España carpetovetónica senón tamén a unha
Europa que queira ser plural, que valore as achegas da diversidade, que
pretenda pular por unha concepción social, que rexeite a xenofobia e queira
poñer límites aos mercadores depredadores. En fin unha Europa na que o ex
primeiro ministro dun país coa metade de extensión e poboación que a provincia
de Pontevedra poida ser presidente da Comisión.
Constatar
a incapacidade extrema do nacionalismo español e non só na súa formulación
borbónica para admitir a expresión libre das
nacións non españolas. Unha incapacidade que reflectiu con certeza John
Carlin nun artigo que rexeitou El pais
e supuxo o abandono das súas colaboracións no xornal do réxime. Publicado finalmente no Times di o xornalista:
“Tengo un interés más que académico en este despliegue lento hacia el desastre.
Mi madre es española, de Madrid. Viví 15 años en Cataluña hasta que me mudé a
Londres, hace cuatro años, pero siempre he querido regresar y solicitar un
pasaporte español después del referéndum sobre el Brexit. Me encanta España,
así que estoy contra la independencia catalana, pero nunca he amado la política
española, especialmente la peligrosa cepa autoritaria representada por la gente
en el poder hoy y compartida por gran parte de la clase política madrileña.
Nunca he olvidado una conversación que tuve hace 15 años con un hombre que
sigue siendo un pilar de ese régimen. “No soporto a los catalanes”, exclamó.
“Siempre quieren hacer un trato. ¡No tienen principios, por Dios! ¡No hay
principios!”. Carlin está nesa envexábel
posición que procuran os antropólogos culturais de “nin dentro nin fóra”,
nin é un paracaidista nin participa dos prexuízos internos polo que a súa
opinión é de considerar.
Para
rematar por hoxe, constatar a incapacidade, a pesar dalgún tímido intento, da
esquerda española de asumir xa non unha proclamación da independencia de
Cataluña, ou doutra das nacións non españolas, senón mesmo para aceptar unha
formulación federal ou confederal que vaia máis alá da aparente formalidade. En
chegado a este punto sempre me lembro da doridas paxinas nas que Castelao, no
seu Sempre, expresa os seus frustrados
sentimentos ao relatarnos os avatares, na súa acepción normal, non pensen os
máis mozos que falo do termino hindú que fai referencia á encarnación terrestre
dun deus, non tanto porque a miña consideración de Castelao sexa laica senón
para aclararlle que non me refiro ao filme de Cameron, cando nos lembraba como
aquela República, a segunda, que ia para federal ficou en integral, porque
rimaba.
Así
que estes día limos verbas bárbaras de ultratumba como as Lidia
Falcón banalizando a causa das nacións ou as de Sartorius vulgarizando,
por retornar ao papel impreso aínda que sexa nun xornal de provincias
convertido no novo Santiago matamouros defensor de España, senón tamén de xente
máis nova que, cando menos por idade, debería ter unha certa contención e
distancia, como Alberto
Garzón e xa non o digo con respecto dos dereitos nacionais
senón dun modelo político-social, como mínimo caduco, por non empregar verbas
bárbaras como as deles.
Xoves
26 de outubro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario