luns, outubro 16, 2017

Maximino “O Sapo”


     Dabamos onte noticia dos acontecementos descritos na causa 646/36 instruída, fundamentalmente, polo comandante militar de infantería retirado Francisco Arriaga Seoane, contra 22 veciños de Priegue, entre eles Maximilianono Segundo Comesaña Pérez “O Sapo” e dous de San Miguel de Oia: “O Bagullo” e “O Ligero”. As acusacións inicialmente de “roubo en cuadrilla” e “rebelión” quedou reducida a esta última. A causa quedou sobresida para os que, na altura do consello de guerra, estaban detidos, isto é, todos agás os fuxidos: José Puentes Méndez,  Benigno Benavides Álvarez e os tres citados máis arriba. Os detidos quedaron a disposición da autoridade gobernativa que adiou varios meses a súa posta en liberdade.

    Diciamos tamén que ao remate da guerra entregáronse José Puentes Méndez –na realidade Pontes, pois tiña castelanizado o seu apelido portugués- e Benigno Benavides Álvarez e sinalabamos que do que pasara con José Rodríguez Domínguez (a) Bagullo, Javier Costas Comesaña (a) Ligero e Maximiliano Segundo Comesaña Pérez (a) Sapo nada sabiamos. Só deduciamos a posibilidade de que os dous primeiros fuxisen a Portugal segundo a declaración, recollida na causa militar, do conserveiro Antonio Cerqueira Domínguez. Do terceiro, de Maximino, non tiñamos noticia.

    Agora coidamos que, infortunadamente, podemos ter algunha tráxica referencia de Maximiliano Segundo Comesaña Pérez, de quen pouco podemos dicir, a non ser a xenreira que lle tiñan as novas autoridades políticas e militares.  Fillo de Salvador Comesaña, natural de Coruxo, e de Rosa Pérez Valverde, de Priegue, nacera o 30 de decembro de 1912 nesta parroquia, na que residía. Gañaba a vida como mariñeiro.

    Da causa só podemos extraer unha colección de adxectivos descualificadores, por outra banda semellantes aos dirixidos  contra outros fuxidos, que se identifican como os líderes da acción de achegarse nunha camioneta ata Canido, practicar rexistros na procura de armas nas fábricas de conserva e nas casas dos conserveiros e pretender deter o  exercito.

    O presidente da xestora de Nigrán, nomeado polos sublevados, Joaquín Fontán, informa que a conduta de Maximino “parece que deixa algo que desexar e que é materia apta para asuntos revolucionarios”. Esta valoración amplíaa nun informe posterior, moito máis contundente, no que afirma que “ten malos antecedentes políticos e sociais, que, seica, é de filiación comunista e interveu no movemento revolucionario por vontade propia”.

    Pola súa banda o terrorífico Cabo Pena di del que é “... de mala conduta, elemento perigoso para a sociedade, xa que se trata dun suxeito que pola súa condición de incultura e acaso ata idiotez está sempre predisposto a executar o que os seus dirixentes lle encomenden, e que dende logo sempre fai o mal”.

    Algún dos detidos declaran que Maximino era un dos que ían armados e dos máis decididos. Así José Fernández Pérez informa que fora en varias ocasións á súa casa e o ameazara para que fose con eles. Pola súa banda Manuel Isidoro Guisande Soto declara que subiu á camioneta xa que Maximino “ O Sapo” e outras xentes armadas con escopetas, as que non coñecía, lle ordenaron subir á camioneta cun ton tan imperativo que coidou que ía pasarlle algo. Pola súa banda o chofer da camioneta Victorino Fernández Macaya di que foi Maximino, xunto con José Puentes, quen se quedou a vixialo pois non se fiaban del. Pola contra moitos outros detidos  afirman que Maximino non portaba armas e non destacou en ningún momento pola súa hipotética agresividade. En todo caso, o normal, nestes casos, era botarlles as culpas aos que estaban mortos ou andaban fuxidos.

    Non podemos afirmalo con rotundidade pero temos a sospeita de que o Maximino Comesaña Pérez, fuxido, é o mesmo que Maximino Comesaña Lago asasinado  na tarde do 10 de xaneiro de 1937 nun camiño que ía dende Fragoselo a Tintoreira na parroquia de Coruxo. A acta de defunción (RC Vigo, tomo 91-D, páx. 55, sección 3ª) foi asinada ao día seguinte e achega moi poucos datos. Só que era de Priegue, da mesma idade que o encartado na causa 646/36 (sobre 24 ou 25 anos), ignora o nome dos pais, aínda que especifica que estaba solteiro e que a causa da morte foi “hemorraxia cerebral por disparos de arma de fuego”.

    Gustaríanos poder confirmar esta sospeita e moito máis ledicia nos daría poder rexeitala porque alguén nos informase de que Maximino “O Sapo” fora quen de furtarlle a súa vida ás gadoupas dos asasinos.

Domingo, 15 de outubro de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario