Di
Fontana, no seu El siglo de la revolución. Una historia del mundo desde 1914
(Crítica, 2017), que, a pesar da inmensa literatura interpretativa, non é doado
entender o que hai realmente detrás da doutrina do fascismo e que no caso de
Italia parece máis unha cuestión de escenografía, cita o saúdo romano, as
camisas negras, a arquitectura monumental e a propia figura do Duce como
caudillo carismático, que un contido político, pois o denominado estado
corporativo como alternativa ao capitalismo e ao socialismo nunca chegou a
implantarse. Conclúe que parece máis útil xulgar o fascismo pola súa praxe que
pola súa retórica.
Esqueceu
citar Fontana entre os elementos escenográficos do fascismo italiano, o
“manganello” e quizais tamén o aceite de rícino. Sobre os dous fundamentouse o
fulgurante ascenso daquela mestura de veteranos de guerra, vellos esquerdistas
decepcionados, futuristas iluminados, sindicalistas pretensiosos e persoeiros
“del más diverso pelaje”, escribe Fontana, que fundaron o 23 de marzo de 1919
un club de mantóns denominado Fasci italiani di Combattimento, que a finais de
1921 era o Partito Nazionale Fascista. Un ano despois, outubro, o flamante partido promovía a Marcha
sobre Roma á que un rei incapaz non só non lle fixo fronte senón que lle
encargou a Mussolini, a pesar de ter unha presenza parlamentaria absolutamente
minoritaria, formar goberno. Á volta
doutro ano xa tiña maioría.
O
“manganello” é quizais o mellor símbolo da expansión do fascismo baseado na
violencia indiscriminada e no temor xeneralizado. O fascismo medra na
violencia.
En
España as copias italianizantes aferrollaron as liberdades políticas durante
gran parte do século XX. Coa copia suave do primeiro, non tan brutal, fascismo
mussoliniano, coa ditadura de Primo de Rivera (1923-1930); coa sanguinaria
ditadura, inspirada xa no nazifascismo, de Franco (1936-1978). España pasou
máis da metade do pasado século baixo unha ditadura, e o resto atemorizada. A
España indisolúbel, fanática, católica, monárquica, incapaz de entender as
diferenzas, emerxe atemorizando, axitando o “manganello”. O fascismo en España
amosa sempre a escenografía da “unidade da patria común e indivisible”, do “oé
oé”, do “a por ellos”, de “los cojones” , do toro de lidia e da “rojigualda”.
Se
me asustaron os orangutáns azuis ou verdosos, arrastrando xente armada cunha
papeleta, inquieteime ante os exercicios
de “manganello” que levan tempo facendo nas costas das xentes de Murcia e atemoriceime hoxe ao ver as imaxes da
Barcelona do mundo inzada de saúdos romanos, iracundos berros, xestos violentos
e peticións de cárcere por parte de cataláns de orixe, autobuseros diversos,
xentes “de diverso pelaje” e ata un escribidor peruano.
Escusen
a lección de historia pero é preciso recordar.
Dpmongo,
8 de outubro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario