xoves, outubro 26, 2017

En chegando a Ítaca

Palau de la Música. Lluís Doménech i Montaner (1905-1908)
Hai cancións que marcan unha xeración. Algunhas transcenden con intensidade o estrito plano estético e convértense en iconas dunha época de ilusión ou esperanza, de loita, de rebeldía, de cambio, de descubertas estéticas ou de transformacións sociais. Hai moitas.

Algunhas esgazan as entrañas de quen as escoita e de quen as interpreta como a brutal Strange fruit, que lembra aquelas estrañas froitas penduradas de árbores, que cantaba de Billie Holiday mentres os avións franquistas guindaban bombas sobre Barcelona. Outras xeran confianza como We shall overcome, que popularizou, convertida en balada folk, entre outros, Pete Seeger e que, entre nós, se coñece como Venceremos nós pola versión de Franco Grande. Poderiamos incluír moitas outras de Guthrie, Dylan , Cash, Patti Smith... a Imagine de Lennon..., na dominante cultura anglosaxoa.

Na España tardofranquista houbo algunhas que ocuparon corazóns e beizos dunha xeración. Dende  Al vent de Raimond, Al alba de Aute, ou o Canto a la  liberdad de Labordeta que, nestes tempos de desacougo, algúns incualificábeis apuparon o outro día nos actos oficiais de Aragón e xa que logo que, máis que nunca, desexamos que sexa un himno da liberdade e de memoria de quen  “mandou á merda” os que converteron o sede da soberanía española nunha cova de latrocinio. Sen esquecer  A galopar de Paco Ibañez.

Na memoria daquela, a miña periférica xeración, aínda percute O meu país de Miro, retumba valorosa e fermosa a Grândola do Zeca  e ficou gravada  para sempre algunha que outra estrofa  (“Si jo l'estiro fort per aquí /i tu l'estires fort per allà, /segur que tomba, tomba, tomba, / i ens podrem alliberar”) de L'estaca que bisbabamos cunha fonética escasamente catalá.

A canción de Llach rebrota coa forza que nunca perdeu, cincuenta anos despois da súa creación, e faino nos beizos da súa xente. Non debe haber satisfacción máis grande. É esta a súa canción máis popular e recoñecida.  Jacek Kaczmarski adaptouna e converteuse en himno non oficial do sindicato polaco Solidarnosc, os mozos tunesinos cantárona na canción de Revolución 2011 e ao par do efecto político dominó  estendeuse polo norte de África.

Entre nós tivera unha acollida diferente, profunda e racional o seu Viatge a Ítaca (1975) baseado en textos de Kavafis. A súa estrea no “burgués” Palau, o sete de maio de 1975, pechou a billeteira en menos de 24 horas. O músico foi a quen lle prohibiran calquera bis, volveu saír despois de vinte minutos de aplausos para dicir que non podía cantar outra. O público abandonaba o Palau cantando L´estac. Por este motivo foi detido, interrogado, multado; o daquela gobernador civil de Barcelona, o “demócrata de toda la vida” Rodolfo Martín Villa, xustificouno polas reiteradas «infracciones al reglamento de espectáculos, que prohíbe terminantemente que los artistas se dirijan al público y establezcan diálogo con él, cosa que el señor Llach hizo en reiteradas ocasiones, profiriendo expresiones que la autoridad gubernativa ha estimado como atentatorias a las instituciones y a la legislación vigente».  Llach refúxiase de novo en Francia para seguir cantando pois durante meses estivo prohibida.  A final de ano morría Franco. As cousas, aos poucos, comezaban a mudar nas formas.

Descubrira eu a Llach, cando menos é o que dou recuperado do corredor da memoria, non sei que ano, probablemente  na primavera de 1975, por ollar, coido inseguro, no Auditorio do Colexio La Salle de Compostela, a representación de Àlias Serrallonga  de Els Joglars, e que relaciono, no escuro pasadizo, con El Bandoler, a  canción de Llach, moi anterior. Daquela á  rapazada estudantil púñansenos os ollos a dar voltas coas cousiñas que nos chegaban de Cataluña.

Retornando ao espello abafado, escoiteino, por primeira vez, en Castelló, mira ti, nun teatro que lembro non moi cheo, sorprendérame; debeu ser contra o remate de 1979 ou no enceto do ano seguinte cando eu andaba facendo a mona ás orde dun tal Miláns del Bosch e outros militares da súa ralea.

Moitos anos despois tiven oportunidade de coñecelo, brevemente, en Vigo por mor dun concerto, xa non lembro ano, nin lugar, pero que era non un xesto, senón unha acción de solidariedade internacionalista. O respecto que lle tiña como artista prolongouse á persoa.

Agora Llach anda, en chegando a Ítaca, abaneado por ventos cruzados, xenreiras de toda caste e ameazas leguleias de funcionarios do fanatismo da unidade en si mesmo e de machotes celtibéricos. Mais el, coma moitos, seguro que “Tingues sempre al cor la idea d'Ítaca. /Has d'arribar-hi, és el teu destí, /però no forcis gens la travessia.”

Andan tamén as esquerdas eclesiásticas apesaradas polo predominio burgués no procés catalán. Estraños burgueses estes pendurados das árbores, “Here is fruit for the crows to pluck”.

Non entendo moi ben por que retornan ao caletre estas cancións. Será porque non as escoitamos ben?


Sábado, 21 de outubro de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario