mércores, outubro 11, 2017

A estrada da morte

Encoro do Pegonegro, Vilaza, Gondomar
A escasa media ducia de quilómetros, naquela altura quizais uns poucos máis, que unen A Pasaxe, na parroquia de Vincios, co Pegonegro, na tamén gondomaresa parroquia de Vilaza, converteuse nos anos da persecución fascista nun tráxico leito de morte. Nese treito da estrada O Porriño-Gondomar foron asasinados, e guindados nas súas beiras, catorce persoas entre o mes de setembro de 1936 e decembro de 1939.

A estrada, modificada no seu trazado actual, estaba, daquela, inzada de reviravoltas que abeiraban profundos cavorcos cara ao curso do Zamáns. De feito neste reducido espazo concentrábanse cando menos cinco pontes. Semella que este tipo de lugares eran do agrado dos  asasinos, pois no concello de Tomiño e noutros volven deitar as súas vítimas en sitios semellantes. Nas “sacas” nocturnas os asasinos procuraban os ancheamentos das estradas que a ben seguro habería na proximidade das pontes ou nas curvas da zona.

Hai uns días demos conta do tráxico seis de outubro de 1936, cando seis vigueses apareceron mortos nesta estrada. Tres na Pasaxe de Vincios e outros tres en Vichicáns, preto da Volta da Matanza. Lembre o lector que tres deles eran os Comesaña de Alcabre.

Anotaremos nesta ocasión os nomes das outras nove persoas ás que, segundo o rexistro civil de Gondomar, lles roubaron á vida nestas fermosas paisaxes miñorás. O primeiro da lista foi Delmiro Prada Lago, un barbeiro de 32 anos, veciño da Carrasqueira, na parroquia viguesa de Coruxo. A localización do cadáver no Pegonegro quedou asentada o tres de setembro de 1936.

Once días despois ficou recollida a morte por “hemorragia interna de tórax y cráneo por herida de proyectil de arma de fuego corta” de Edelmiro García Súarez, de 50 anos, empregado e veciño de Lavadores, barrio de Caride, que deixou orfos nove fillos e apareceu na Gándara, en Vincios. Catro días despois aparecía, na Pasaxe de Vincios, o cadáver dun home descoñecido duns 33 ou 34 anos de idade e que entre Domingo Vila Manzanares, xuíz municipal suplente, e Remigio Muiños Lago, secretario do xulgado de Gondomar, describen como de “estatura regular, delgado, pelo negro cortado recientemente, vestido con chaqueta y pantalón de tela de Mahón, camiseta fina de algodón blanco, camisa de hilo blanca a listas verdes y castañas, calzado con zapatos de cuero de color, muy usados, con piso de goma y sin calcetines”. En nota de febreiro de 1945 indícasenos que a acta de defunción corresponde a Arturo Fernández Cabaleiro, veciño de Tui, casado e con dous fillos.

No Tumbio, tamén en Vincios, apareceu Francisco Martínez Díaz, de 64 anos e profesión sereno, veciño do Calvario, en Lavadores; quedaron sen pai catro homes (Rogelio, José, Marcial e Francisco) e dúas mulleres (Matilde e Dolores), todos veciños do Calvario.

Outro descoñecido apareceu morto nos Agunchos, na parroquia de Vincios, o  27 de setembro de 1936. Xuíz e secretario realizan unha descrición semellante á anterior. Unha nota de 1946 indica que o finado era Alejandro Bastos Posada, de 32 anos, peón e veciño do barrio da Gándara, en Beade, Lavadores, casado e que deixou orfos cinco cativos. De quen non hai nota á  marxe é dun descoñecido que apareceu morto o mesmo día, tamén en Vincios,  e que representaba unha idade duns 32 anos.


O último da tráxica listaxe, descontados os seis vigueses asasinados o seis de outubro, é Francisco Salgueiro Hermida, veciño do barrio de Sobreira en Valadares, Vigo, labrego de 38 anos.

No período da guerra rexístranse en Gondomar dúas mortes violentas máis. Ambos en Vilas, na parroquia de Morgadáns. A acta de defunción dun deles aclara que a morte foi producida por arma de fogo, especificando, fusil. Na outra só fai referencia á hemorraxia interna de tórax, pero coidamos non andar trabucados se afirmamos que nos dous casos se tratou dunha caza do home posta en práctica cos denominados “fuxidos”. Infortunadamente tanto Jesús Rodriguez García, de Taboexa, As Neves, como José María Barreiro Ferreira de Chenlo, O Porriño, que así se chamaban os dous finados, segundo asento posterior, non deron conservado nin a vida nin a liberdade.


Luns, 9 de setembro de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario