mércores, outubro 11, 2017

Seny

Estou convencido de que os dirixentes do catalanismo pretenden unha república catalá soberana dentro do ordenamento xurídico europeo. Expresan abertamente a súa pretensión e procuran os medios máis efectivos para logralo a través das canles democráticas e , xa que logo, rexeitando calquera caste non só de violencia, senón de insultos, malos xestos, desconsideracións..., mesmo contendo a “rauxa” que nalgún momento teñen que sentir cando se dirixen a eles nestes termos como vimos con tristeza o 1 de outubro ou na manifestación do outro día do nacionalismo español en Barcelona.

Admiro o seu sosego, a súa habilidade política para dirixir o “procés”, con pasos medidos e sen retroceso, aínda que teñan que dar algunha reviravolta. Algúns chámanlle “seny”, o noso Fernández Albor fixera unha versión miñaxoia co seu “sentidiño”; para min é simplemente matinada e atinada dirección política, descoñecendo, coido que como a inmensa maioría das persoas, quen conforma esa especie de “goberno na sombra” que tece e destece con tino o novelo do “procés”.

Pero é sen dúbida a gran maioría social catalá, incluída unha gran parte das persoas demócratas que, non sendo partidarias da independencia, recoñecen os dereitos nacionais cataláns aínda que coiden que eses poden satisfacerse no marco do estado español,  a que percorreu un camiño trufado de trampas e provocacións ata o día de hoxe, sen perder a calma nin o xesto.

Esa ampla maioría social, reitero, independentista ou non,  foi quen de superar a frustración de que o Estatuto de 2005, promovido por un goberno tripartito (PSC,ERC, ICV) presidido por Pasqual Maragall, aprobado  no “Parlament” por 130 votos a favor e 15 en contra, os do PP, co compromiso verbal de aceptación por parte do presidente español,  Zapatero, fose “cepillado” na Comisión Constitucional do Congreso.

Foi quen de superar que o Estatut “cepillado”, aprobado polas Cortes Española, coa intervención decisiva de Artur Mas na oposición, unha vez sometido a referendo e aprobado,  con menor apoio pola desilusión dos máis soberanistas,  despois, nunha exhibición de oportunismo canalla por parte do PP e de Rajoy e tras unha campaña de axitación mediática e “callejera”, fose sometido a un recurso de inconstitucionalidade.

Foi quen de superar que tras manexos perversos para impedir a substitución de maxistrados que xa tiñan que estar fóra, presións mediáticas de toda caste, por seis votos contra catro,  o “Estatut” fose sometido a un segundo cepillado polo Tribunal Constitucional.

Foi quen de superar que o nacionalismo español-madrileño impedise o enceto dun novo ciclo temporal  de integración catalán no Estado español. Foi quen de superar a vergonza do clan Pujol, a non menos vergoñenta traizón de Durán, a reconversión do partido maioritario na política catalanista dende a transición, as trampas para retrasar a posta en marcha da facenda catalá, a negativa ao sistema de “cupo” similar ao vasco, un referendo negado,  o atentado das Ramblas, outro referendo apaleado.

E despois destes anos aínda teñen a afouteza do xesto de boa vontade, de evitar o choque de trens, de exercer o “seny” e conter a “rauxa”, de agardar a pesar da frustración, de falar dende a incerteza...  e suspender cautelarmente, a peticións de intermediacións e a risco de tensar en exceso a cidadanía independentista, a Declaración de Independencia. Agora xoga Madrid.

Max Weber, como é sabido, distinguía entre a “ética da convicción” e a “ética da responsabilidade”. Entre ambas hai un cavorco como a Fosa Atlántica. A primeira procura axustarse aos principios, á pureza das nobres intencións, ás seguridades profundas,  despreocupándose das consecuencias. A segunda, a propia do político, ten que ter sempre en conta as consecuencias. Onte Puigdemont, o goberno e a maioría parlamentaria exerceron a “ética da responsabilidade”. Terán resposta ou a convicción profética da revelación divina da unidade da patria común e indivisible levará a quen ten que tomar decisións a despreocuparse das consecuencias?

Un liberal, non nacionalista, incluso belixerante, dende a política, co nacionalismo quebecois, o canadense Ignatieff, escribiu hai anos: “os países non poden aspirar a permanecer unidos si non chegan a unha versión compartida, e certa, do seu pasado”; noutro lugar conclúe: “Unha nación incapaz de repudiar un pasado fascista pode condenarse a un futuro fascista”.

Martes, 10 de outubro de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario