luns, outubro 30, 2017

Notas para agardar 4


En Cataluña volven ás urnas. Os dous trens entenderon que non podían bater o un contra o outro, e desviáronse para evitalo. O 1-O ficou claro que Cataluña non se pode gobernar dende o Ministerio do Interior, nin dende Madrid. Onte declarouse unha república que non vai poder actuar como tal.

Rajoy, seguro que a desgusto, foi correndo a convocar eleccións. Nin agardou os seis meses que lle pedía Sánchez en plan garante democrático. Polo maxín do rexistrador da propiedade pasou o de gobernar Cataluña unha boa tempada ata que as institucións catalás foran falecendo de morte morrida, segundo o modelo galego. Unha gran parte da sociedade catalá, representada polos alcumados, na corte, “Independentistas”, non lle permitiron recorrer á forza, a unha violencia que Europa tampouco lle ía consentir. Mais quen non lle deu esa oportunidade foi o “president” o “govern” e as forzas catalanistas que evitaron tomar medidas que poderían rematar en violencia. Non houbo tanques nas rúas, nin Mossos disparando á Garda Civil. Uns e outros saben que teñen que gañar nas urnas. A fin de contas, con moitas limitacións, España é unha democracia formal e só as urnas poden dirimir o conflito. O contrario é ditadura.

Así que emprazáronse para o 21 de decembro, para que a cidadanía resolva. Mais, e se resolve manter a maioría actual, suspendida polo 155? Volverase aplicar de novo o 155 e uns meses despois outras eleccións? Repetirase de novo a suspensión da autonomía en virtude da aplicación outra volta do xa amentado 155 e así “ad infinitum”? Falta algo. Rajoy sábeo ben.

A disxuntiva está entre democracia e autodeterminación ou unitarismo e autoritarismo.

Así que se o 21 de decembro os dous millóns e pico de cataláns e catalás que se viñeron mobilizando estes anos, os que gañaron o referendo facendo recuar a policía,  van votar polos partidarios da independencia e gañan, xa non haberá mais alternativa que iniciar, previa amnistía, un proceso constituínte que permita o referendo catalá.

Sábado, 28 de outubro de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario