Ao
meu amigo Telmo Comesaña
José Comesaña Pérez |
Na
madrugada de tal día como hoxe, hai 81 anos, na parroquia gondomaresa de
Vincios cometíase un séxtuplo asasinato que non tivo a transcendencia
mitificadora do crime cometido dez días despois no lugar coñecido, dende
aquela, como “A Volta dos Nove”. Este
segundo e tráxico suceso deixou unha forte pegada na sociedade miñorá, porque os nove asasinados eran, todos eles, veciños do Val Miñor.
Entre
as catro e as seis da tarde daquel martes,
seis de outubro de 1936, no Rexistro Civil de Gondomar anotáronse seis
cadáveres que apareceron na parroquia de Vincios. Tres na Pasaxe, no paso
natural entre os vales do Miñor, Louro e Fragoso. Tres no barrio de Vichicáns, nunha
reviravolta da estrada coñecida como “A Volta da Matanza”, unha curva, hoxe
alterada, pero que se pode percibir perfectamente ao conservarse a antiga
ponte, a man dereita indo de Gondomar a Vincios, antes do barrio dos Arcos. Non
era a primeira vez que se tiñan que recoller corpos de “paseados” nesta
parroquia gondomaresa, nin sería a última.
Antonino Comesaña Pérez |
Aquel
día foron seis. A traxedia cebouse con Alcabre.
Catro dos asasinados eran desta parroquia viguesa. Tres deles irmáns. Os
catro foron apresados o 30 de setembro e trasladados ao Frontón de María
Berdiales . De alí levaron os seis para matalos. O quinto era do barrio do Viso
en San Pedro da Ramallosa e o último en ser rexistrado, veciño de Vigo. A causa da morte segundo a
acta de defunción: “heridas producidas por disparo de arma de fuego”. Os seis
foron soterrados no cemiterio de Mañufe.
Os
cadáveres atopados na Pasaxe de Vincios eran os de José Comesaña Pérez, o do
seu irmán, Antonino Comesaña Pérez, e o de Emilio Giráldez Rodríguez. O
primeiro, de 25 anos, albanel, de
Alcabre, do barrio da Garita, casado con Eusebia Pampillón Oitabén e pai de dous
fillos (Telmo, de dous anos e medio, e Margarita, de oito meses). O seu irmán
Antonino, 32 anos, vivía no Cruceiro de Alcabre, almacenista, casado con Carmen
Rodríguez “A Masada”, coa que tiña dous fillos (Antonio e Guillermo). Xunto aos
cadáveres dos dous veciños de Alcabre atopouse o de Emilio Giráldez Rodríguez, de 39 anos,
natural e residente en San Pedro da Ramallosa, no barrio do Viso, empregado, viúvo
de Carmen González e pai de dous fillos (Emilio e Carmen).
Emilio Comesaña Sobreira |
Os
cadáveres que apareceron en Vichicáns,
na Volta da Matanza, aquel seis de outubro, eran os de Fernando Costas Iglesias, 29 anos, de
Alcabre, empregado, casado con Otilia Costas “A do Merlo”. Á beira deste, o
medio-irmán de José e Antonio, Emilio Comesaña Sobreira de 49 anos de idade, de
Alcabre, carpinteiro, casado con Aurora Fernández e pai de sete fillos (Aurora,
Argentina, Carmen, Sara, Emilio, José e Manuel ).
O
terceiro cadáver deitado na Volta da Matanza era o de Manuel Enrique Villar
Cimadevila , de 40 anos, natural das Cruces no, daquela, concello de Carbia, na
actualidade de Vila de Cruces, pero residente en Vigo, no barrio do Pino,
empregado no comercio “La innovación”,
na viguesa Porta do Sol, e casado con Enriqueta Villar Montes.
José
e Antonino eran fillos de José Benito Comesaña, casado con Adelina Pérez. Nas
casas mariñeiras e proletarias de Alcabre non houbo consolo aquel día de
outubro do 36. Tivo sorte José Benito, morrera pouco antes e non tivo que saber
da morte dos fillos.
Fernando Costas iglesias |
Segundo
información que nos fornece Telmo
Comesaña Pampillón, fillo de José, un dos asasinados, os catro veciños de
Alcabre estaban vinculados á Sociedade Agraria desta parroquia. Emilio Comesaña
Sobreira era o presidente; José Comesaña Pérez, o secretario; Antonino Comesaña
Pérez, o contador; Fernando Costas Iglesias, vocal.
Telmo
Comesaña relátanos: “(...) Ás cinco da tarde, no carro de bois de Manuel Alonso
Prado foron trasladados, por orde da Garda Civil, ao cemiterio de Mañufe,
Gondomar, aproximadamente oito km. distante, pasando polo centro da vila de
Gondomar como se dunha procesión de
terror se tratase. Enterráronos descalzos, os zapatos foi a recompensa
negociada polo mestre de Mañufe e presidente da comisión do cemiterio, D.
Rogelio de la Granja, como recompensa por abrir seis fosas individuais na vez
dunha fosa común como era o habitual”.
Na
súa eterna memoria.
Venres,
6 de outubro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario