domingo, outubro 22, 2017

A pulsión predemocrática

Un tal Méndez de Vigo, ministro de non sei que e portavoz de non sei onde,  afirmou: “La opinión de Pep Guardiola sobre política es como la mía sobre la física nuclear". Manda nabo. Oia que se cree vostede que aquí vale todo. Home un respecto; para estas cousas estamos nós os que sabemos, vostede fale de fútbol.

Despois infórmome, porque estes personaxes da televisión que veñen e van sempre te despistan. Seica o amentado é nada máis e nada menos que Ministro de Cultura e xurista, deses que chupan por letrar as Cortes que non é o mesmo que estrar as cortes, pero sona parecido. Ademais de nome de conquistador das Indias e tres apelidos con “de” indicador de ringo-rango, entre eles  un Vigo que non sei de onde lle sae, o tal individuo é barón de Claret. Fillo do militar Íñígo Méndez de Vigo y del Arco (axudante do ditador Franco) e de Paloma de Montojo e Icaza, II condesa de Areny, naceu en Tetúan. Tanto por banda paterna como materna os seus xenes emparentan con nobrezas varias e mesmo coa realeza borbónica. Os seus tres irmáns tamén se dedican ao choio este da política para a que, por xenética, están superdotados; unha no CNI, outro no Ministerio de Defensa. Enchufouse de letrado e andou dun choio noutro, en especial nos de bo soldo como o de deputado en Bruxelas, onde quentou escano unha porrada de anos ata que Rajoy o chamou para substituír ao ínclito Wert, que supoño seguirá de vacacións pagadas polos contribuíntes  en París. Está casado con María Pérez de Herrasti y Urquijo, filla do XIV marqués de Albayda e curmá do exministro de Defensa Pedro Morenés e do presidente de Endesa, Borja Prado. A súa familia leva máis de douscentos anos mandando. Que sería deste curral nubrado sen eles, preguntaríase Max Estrella.

Así que a resposta ten explicación. Ter que soportar as opinións dun plebeo trae estas cousas; un despístase e compárase a política coa física nuclear. É unha pulsión freudiana, un impulso psíquico producido por un estado de tensión percibido como corporal e que procura calmar o estado de tensión; na  pulsión inflúe a experiencia do suxeito, a súa historia e desenvolvemento. A pulsión sempre abrolla, diría Lacan, iniciada pola “falla orixinal” do obxecto, esa falla tradúcese en pulsións; cada pulsión diríxese a unha meta, a un obxecto que a pulsión intenta alcanzar pero só o fai dando reviravoltas para acceder a obxectos momentáneos, mais a pulsión, sempre insatisfeita, está aí reiniciando o proceso.

Esa pulsión antidemocrática, autoritaria, elitista, aristocrática, de esperpento valleinclanesco e berlanguiano está sempre presente na dereita española, por iso mesmo non hai unha extrema dereita manifesta, tipo FN francés ou outros que abrollan pola Europa actual; porque esa dereita premoderna con resaibos fascistas é a que goberna na España de hoxe e dun xeito ou outro, con breves faíscas,  leva gobernando dende o inicio do chamado “estado liberal”.

Esa pulsión é a que leva a este señor a dicirlle a Guardiola, e a través del a todos nós, que non, que non somos cidadáns, que non sabemos, que somos súbditos, que deixemos esas cousas para os escollidos, para os “aristoi”, para os sinalados por deus e a patria. Esa mesma pulsión etnicista, supremacista, racista é a que o leva a afirmar que el mesmo viu en Palencia, por onde é deputado, moitos seguidores do Barça coas súas camisolas. Onde pediron permiso os de Palencia para ser do Barça?

A tradición maioritaria no nacionalismo español non só é profundamente antimodernoa senón tamén etnicista. Segue sen percibirse no horizonte un posible nacionalismo español democrático e republicano.

Escóiteno se teñen ganas.

Venres 20 de outubro de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario