mércores, outubro 11, 2017

A noite dos tranviarios 2

Aquela triste noite, todas as noites eran sempre tristes daquela, á beira da chamada Ponte dos Ríos, no concello de Tomiño, na parroquia de Tebra,  apareceron cinco cadáveres. Un deles era o de José Cabreira Valverde , de Nigrán, identificado por una nota manuscrita do xulgado na que se recolle a documentación que portaba e di así: “32 años. José Cabreira Valverde, natural de Nigrán, lo identifica la documentación que lo acompaña carnet 132 con fotografía, cédula personal del año 1935 expedida en Nigrán el 18 de octubre de 1935. Tarjeta expedida a su nombre por Compañía Eléctrica de Vigo por la que se le nombra mozo de tren, y orden del Comandante Militar de Vigo fecha 28 de julio de 1936 por la cual se considera como movilizado y presta sus servicios como mozo de tren de la Compañía de Ferrocarriles Vigo-Ramallosa “. Igualmente a acta de defunción levantada o 24 de setembro indica que a morte produciuse na noite anterior, que o defunto era fillo de Policarpo e Adriana e estaba casado con Joaquina San Roman Fernández de 32 anos, natural de Nigrán, e do matrimonio ficaban os fillos María, Juan, Eloy, Placido, Brigida, José e Guadalupe. Ao tempo indícase  que a identificación foi posible pola documentación atopada no cadáver e polas manifestacións de Manuel San Román Fernández, cuñado do defunto e veciño de Nigrán. Sen embargo o amentado carné con foto non se atopaba xa entre os documentos conservados no RC de Tomiño.


Á beira do cadáver do nigranés José Cabreira achábase o de outro “mozo de tren”, o de  Horacio Rouco Álvarez , de 35 anos e cun fillo. Fillo de Juan e Socorro, vivía en Coruxo; estaba casado con Rosa Mas? de 25 anos, tamén natural de Coruxo. O cativo chamábase tamén Horacio. O cadáver foi levantado por orde xudicial e recoñecido tanto pola documentación que levaba como pola súa esposa e outras persoas.


Á súa beira achábase o corpo sen vida do condutor do tranvía de Vigo á Ramallosa Marcelino López Ameneiras , de 43 anos,  veciño de Ríos, Lavadores.  Era natural de Ferrol; fillo de Marcelino e Basilisa; casado con Amelia Cabaleiro Veiga de 29 anos, veciña de Teis, e tiñan tres fillos: Guadalupe, Marcelino e Aidita. Como nos outros casos foi levantado o cadáver por orde xudicial e identificado tanto pola documentación que levaba (un nomeamento do sarxento de Zapadores Minadores expedido en San Sebastián o 27 de setembro de 1917 e a orde de mobilización de Felipe Sánchez como condutor de ferrocarril) como pola súa esposa.


Tamén estaba o corpo sen vida de Álvaro Soliño Araújo , de 39 anos, casado e cun fillo, veciño de Teis,  que traballaba no servizo de limpeza dos talleres de Tranvías. Fillo de José e Elvira,  casado con Aurelia Oliveira de 32 anos e natural de Vilagarcía coa que tiña unha filla chamada Maruja. A causa da morte por “disparos de arma de fuego”, o levantamento do cadáver “por orden judicial” e a identificación pola documentación que levaba e por presentarse a súa esposa. Entre os documentos que lle toparon tiña unha orde de mobilización, semellante á dos seus compañeiros de infortunio que di: “Comandancia Militar de Vigo. Felipe Sánchez, Comandante Militar de esta Plaza. Certifica que Álvaro Soliño Araújo ha quedado movilizado desde esta fecha y presta sus servicios en peón de limpieza eventual de Talleres de la Compañía de Tranvías Eléctricos de Vigo. En Vigo día 28 de julio de mil novecinetos treinta y seis. El Teniente movilizador.”


O ultimo dos cadáveres correspondía a Jacobo Barreiro Pereira , tamén de 39. Natural e veciño de Vigo, solteiro. É identificado por un carné con fotografía (non está no Rexistro) da Mutua de Tranviarios de Vigo como socio 186 e tarxeta de identidade como pintor de Tranvías de data 28 de outubro de 1935 e a orde de mobilización de Felipe Sánchez.

Os cinco levaban consigo unha certificación de Felipe Sánchez, Comandante Militar de Vigo, na que se indica que quedaron mobilizados o 28 de xullo ocupando os postos de  traballo aos que nos temos referido na empresa de Tranvías.

Nin a sinatura do xefe dos sublevados lles salvou a vida.

Xoves, 12 de outubro de 2017

            


1 comentario: