Nacera en Portugal. No concello de Paredes
de Coura. No exacto corazón, tallado polo río Coura, do que as xentes da outra
beira chaman Alto Miño. Durante a guerra da Restauração foi centro das
operacións militares contra Galicia, de alí saíron as tropas portuguesas que
queimaron o Pazo do Conde de Gondomar e o de Pías na Ramallosa, foi tamén
centro de defensa contra as invasións españolas, alí trabouse a batalla
coñecida como Combates da Travanca (1663), e subministrador de cereais para as prazas fortes da liña do Miño.
Deste concello viñera tamén Abilio Araújo
Barbosa, un pouco máis novo que Telmo Freitas, que acougara en Chaín e o seu
corpo torturado ficara guindado na beira das costas que soben a San Xián, no
Rosal, na compaña do tamén natural de Portugal e asentado na mesma parroquia gondomaresa
Manuel Prudêncio do Rosario.
Dionisio Pereira anda a pescudar sobre os
portugueses mortos, detidos e procesados. Os datos que achega, de próxima
publicación en Edicións Alén Miño, dan cifras de 36 mortos e 43 detidos ou
procesados, só na provincia de Pontevedra.
Un destes mortos, fusilado o 29 de decembro
de 1936 e soterrado no cemiterio de Pereiró, foi Telmo Freitas Lima. Tiña 39
anos, estaba casado con Carmen Pérez Rouco, fillo de Benedicta e Antonio,
canteiro, con domicilio en Panxón e súbdito español. Foi asasinado xunto con
Gregorio Manuel Miranda González e Delfín Costas Soliño, dous mozos de 22 anos
veciños de San Pedro da Ramallosa, e do tamén veciño de Nigrán, José Millán
Alonso.
Os
catro foron condenados a morte no Consello de Guerra, 12 de decembro de 1936,
que resolveu a causa 918/36 polo delito de rebelión militar no que tamén
estaban encartados Manuel Narciso Pino (reclusión perpetua), Argentino Valverde
Lago (15 anos) así como Manuel Rial e Ángel Leal para os que a causa foi
sobresida.
Os condenados estaban acusados de formar
parte dun grupo de individuos armados, dirixidos por José Millán Alonso e Telmo
Freitas Lima, que practicaron rexistros en casas de persoas de orde, di o
instrutor, apoderándose de armas que nelas acharon e que despois repartiron no
local do Sindicato de San Pedro da Ramallosa aos afiliados do mesmo e a outros
suxeitos, dándolles a orde de resistirse ao exército cando este chegase e tamén que o 24 de xullo os citados (Millán,
Telmo e Coscas) e outros entre os que estaban Narciso Pino e Manuel Miranda
atacaron, no Alto de Mallón, un automóbil no que viaxaba, con outros, o
Comandante Militar de Baiona, disparándolle varios tiros e botándolle bombas de
man, fuxindo cando o Comandante repeleu a agresión. O Comandante Militar de
Baiona era o capitán retirado, veciño de Sabarís, Ramón Blanco que regresaba de
Gondomar despois de nomear a Comisión Xestora deste concello que ficaría
presidida por Latino Salgueiro.
Telmo Freitas Lima exercía unha profesión
frecuente entre os portugueses establecidos na Galicia do momento, a de
canteiro, e seguro que andou a traballar no Templo do Mar, ideado por Antonio
Palacios e realizado polo construtor José Mogimes Otero. Este declara na causa
como testemuña e di coñecer a Telmo Freitas: “por traballar nas súas obras como
operario e que neste tempo amosouse con respecto ao traballo como home
laborioso e serio” pero despois dálle o pau dicindo: “que no que respecta ás
súas actividades políticas aínda que non as coñece en detalle e exactitude ten
entendido que foi o organizador de diversas entidades sindicais obreiras”.
Sabemos ben o que isto significaba, máis se temos en conta o informe do sempre
presente cabo da Garda Civil de Baiona González Pena quen informa que Telmo
Freitas é: “De pésima conducta e antecedentes, principal dirixente do movemento
subversivo contra o exército en Panxón, sempre foi destacadísimo en ideas
revolucionarias, cualificado con anterioridade como elemento de acción e
perigoso, tomou parte como dirixente nas parroquias de Panxón, Camos, Nigrán e
San Pedro da Ramallosa. Sen lugar a dúbidas é perigosísimo para a sociedade.”
Aquel home tan perigoso para o Cabo Pena era
pai de oito fillos aos que tiña que alimentar co seu traballo. No reverso dunha
emotiva carta, asinada oito días antes de ser fusilado, dirixida á súa esposa
Carmen, despídese dos seus fillos Isabel, Paciano, Dolores, Esperanza, Benedicta,
Santiago, Sofía e Carmiña. Todos menores, condenados á máis absoluta das miserias
e á permanente humillación.
Recollemos hoxe a carta dirixida á súa
esposa que nos facilitou a profesora Mª Xosé González Chamorro quen mantén
relacións de veciñanza con descendentes de Telmo Freitas Lima que autorizaron a
súa publicación.
Cárcel
21-XII-1936
Estimada esposa Carmen Pérez Rouco
de Panjón.
Querida
compañera te pongo estas dos líneas para que tengas presente todo esto que aquí
te explico para que no te olvides de las últimas palabras que te dirijo y que
mis hijos no tiren el luto mientras no sean maiores de edad para que se
acuerden de quien tanto por éllos sufrió y además que tengan presente lo que
han hecho contigo, que te han cortado el pelo, y que se acuerden de tu vida y
de la mía.
También
vas al cónsul, pero primero vas al Centro Portugués y le lees estas letras.
Diles [¿?] que parece mentira que un padre de ocho hijos que se deje sacrificar
de esta manera y para más portugués, siendo el documento [¿?] del día 5 del mes
de noviembre de 1936.
Para
mañana, el día que yo falte, vas lo más pronto que puedas para que tengan una
reunión para poder tratar de mi y de mis queridos hijos, esta (carta) no la
ocultes porque queda delante de testigos para que no se oculte la venganza que
han hecho conmigo
El
cónsul portugúes en Vigo y el Centro que lo publiquen en los diarios de mi
nación, y esto lo haces con mi documento a la vista.
Sin
más testigos que los hermanos Marcelo [¿?] y Benjamín Sanjuán.
Sin
ás esto lo consevas bien
Me
despido de ti con este corazón que te aprecia y de mis hijos
Adiós
Tu
compañero
Telmo
Freitas
Mis señas T.F.L de C.P.R.
Mércores,
18 de outubro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario