luns, outubro 02, 2017

Economicismo

Leo en Ignatieff. “A fe nacionalista nunca foi erosionada por argumentos económicos, porque o atractivo da independencia non é fundamentalmente económico. É a atracción da liberdade, da autodeterminación, de ser dono da túa propia casa” (p.306); un pouco antes: “Carecer de estado é un estado mental, moi semellante a non ter fogar. Isto é o que comprende un nacionalista: un pobo pode volverse completamente humano, completamente el mesmo, só cando ten un lugar propio” (p.256); todo en Sangre y pertenencia. Viajes al nuevo nacionalismo (El hombre del tr3s, Barcelona, 2016; primeira edición 1993).

O camareiro pon a orella. Escoita do que falamos. Pero non van votar que é ilegal. “Bueno”... xa veremos, dille un dos meus compañeiros de caña. Pois alá eles, retruca o camareiro, sen España non van ser nada se non lle damos nós os cartos que van facer. O argumento economicista prendeu entre as alcumadas clases populares empreñadas mentalmente pola inmunda propaganda tertuliana. A resposta sería pois que se vaian que así aforramos e temos máis que repartir. Mais non merece a pena. Está a facer o seu traballo, aínda que tamén debería aprender a ser máis discreto e non meterse onde non o chaman, pero... a xente é así.

Con todo entre as elites políticas da corte coido que o economicismo tamén prendeu. Que non lean a Ignatieff é comprensible no caso do lector do Marca, pero algún dos seus moitos asesores algo lle poderían indicar. Pero non, non... porque non lles resulta comprensible. Non entenden que alguén da súa clase económica poida poñer en perigo o seu patrimonio para conseguir algo que rexeita a súa medula nacionalista española. Non entenden que alguén da súa clase económica, ou social, poida arriscarse ata o punto de que o encarceren. Por que fan iso? Non o entenden. Non atenden as advertencias de Ignatieff, un liberal, federalista, contrario ao nacionalismo quebequés, de ampla experiencia política no Canadá. Cómo poden arriscar que o Barcelona non poida xogar a liga española? Non entenden que Cataluña, Barcelona, dende a revolución industrial do XIX mira para París, para Milán e o norte europeo e non vira os ollos cara ao  centro occidental peninsular a non ser por obriga. Non comprenden que para moitos cataláns, e moitos dos “outros cataláns”, aos que representa o deputado Rufián, ser independentista é  ser moderno, avanzado, europeo, fronte ao mundo casposo do “no te entiendo”, dos touros, da unidade, de grandezas nostálxicas e dunha ferida permanentemente aberta e supurante, próxima, viva, sen cauterizar, non algo do pasado, que é a sublevación do 36 e o bombardeo de Barcelona, iso cos que algúns irresponsables se atreven aínda a facer chanzas. Alguén imaxina que cando o Reino Unido celebrou o referendo do Brexit, en Berlín se fixeran bromas con bombardear Londres?.

Venres, 29 de setembro de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario