sábado, outubro 28, 2017

Notas para agardar 1

Non era pretensión destes post diarios, que manteño dende o seis de marzo deste ano, ter que dedicarlle tantos días e espazo ao que na segunda república se denominaba “cuestión catalá” e que nesta xeira histórica transmutaron en “desafío catalá”. A situación como diría Zimbardo conxugou factores, variábeis e procesos do momento para achegarme na súa intensidade ao “procés”, aínda que estes post non teñan ningunha pretensión de cotianeidade.

Unha “cuestión catalá” afirmaba Ortega no parlamento republicano (maio de 1932)que “no se puede resolver, que solo se puede conllevar”. O filosofo español por excelencia esaxeraba na dilatada extensión da cuestión catalá, como a vasca ou a nosa, cando  consideraba : “Llevamos muchos siglos juntos los unos con los otros, dolidamente, no lo discuto; pero eso, el conllevarnos dolidamente, es común destino”. O de “dolidamente” poderiámolo interpretar, seguro que Ortega así o facía, como eufemismo doutra verba máis descritiva.

A percepción gassetiana era un pouco esaxerada... no dos séculos. O asunto da nación que se configura en estado é cousa recente,  do XIX, pouco máis de cen anos en relación a cando falaba don José; antes era monarquía hispana con reinos diferentes e territorio na ultramar que se foron desgaxando da monarquía cando puideron, sempre de malas, ata provocarlle a depresión, tan sentida por Ortega, de 1898.

As verbas non son inocuas. É evidente que “cuestión” é algo a entender; “desafío” é algo ao que compre responder; “procés” e algo a desenvolver. O primeiro é racional; o segundo, pasional; o terceiro, dinámico. As solucións serán diferentes.

Non hai moitos meses asistín a unha charla de Xaquín Fernández Leiceaga, persoa á que teño en consideración e coa que coincidín en posicións político-ideolóxicas das que que el se afastou ostensiblemente. Pregunteille se, non para un proxecto nacionalista galego, senón para un proxecto federal, aínda que fose de mínimos, non seria conveniente, na vez de falar de “desafío” referirse á cuestión presentada por unha parte significativa da sociedade catalá como “oportunidade”.

Oportunidade para procurar camiños na resolución dos dous aspectos cruciais da constitución de 1978 que se incorporaron baixo o renxer dos “sables” paseando polo curral da Carrera de San Jerónimo: a Monarquía e a unidade nacional con café para todos.

Respondeume dando unha reviravolta reafirmando que era un “desafío”.

Decateime de que a dereita española en Galicia ten o camiño expedito durante anos.

Mércores, 25 de outubro de 2017



Ningún comentario:

Publicar un comentario