Fresco de Pompeia |
Cando
se aprobou a constitución de 1978 escoitábase o renxer de sables arrastrados
pola Carrera de San Jerónimo. Aquel parto, custoso, viu a luz tras o pacto
fraguado entre o aparello franquista máis avisado, a esquerda española, a pactista
e a resucitada, e tras un acordo non só coa burguesía catalá senón tamén coa
maioría social catalá, aquela que tivera un papel sobranceiro na derrota, nas
rúas, do continuísmo franquista, nucleada, en parte, no ámbito do PSUC e de
diversas formacións socialistas que, andando o tempo e en casos de mala gana, remataron
por incorporarse ao que se denominou PSC. Ese pacto explicaría o amplo apoio á carta en Cataluña (90,5% de votos si e 67,9%
de participación). Naquel acordo non tivo relevo o nacionalismo vasco, non
tanto por carencias políticas senón numéricas, (69,1 si e 44,7 de
participación) e que queren que lles conte,
Galicia non existía (89% si e 50,2 de participación).
Unha
parte daquela dereita de orixes franquistas ficou fóra do pacto e, andando o
tempo, usurparía o espazo do centro dereita. A representada por personaxes como
Fraga, Aznar ou Rajoy, a que podemos identificar coa Alianza Popular, predecesora
do Partido Popular, que incorporou xentes da UCD de Suárez mais sempre
respondeu ás pulsións ideolóxicas autoritarias do franquismo político, ou se
queren, para facelo algo máis suave, “sociolóxico”.
Aquel
pacto constitucional entre España e Cataluña leva unha década escachado polo
nacionalismo español incapaz de recoñecer as nacións que se reclaman como tal. Tamén
co conxunto da sociedade española que ve aquel pacto propio doutros tempos e
con dúas cuestións pendentes: a forma do estado e o seu artellamento
territorial. Lembremos que por estas alturas, hai unha década, Feijoo reuníase
con Touriño e Quintana para acordar un novo Estatuto, estaban en todo de
acordo, menos na palabra nación, referida a Galicia, que se pretendía
incorporar no preámbulo. Feijoo levantouse da mesa e nunca máis se soubo do novo
estatuto.
Barruntábase
un choque de trens. Teño a sensación de que no último momento, dígoo por hoxe,
as locomotoras, ao chegar á estación, colleron por vías paralelas e ficaron
paradas. Non bateron de fronte, están detidas en paralelo. Nunha vía a do 155,
na outra a da DUI. Aí ficarán tentando arranxar os estragos durante uns meses.
Se estivésemos en abril de hai un século,
atopariámonos ante unha “dualidade de poderes”, a da Duma burguesa e a
dos soviets que os bolxeviques pretendían, e conseguiron, dirixir; dúas
lexitimidades, dúas legalidades, o
goberno de Kierenski e o soviet de Petrogrado. E unha situación revolucionaria
que nin por asomo se parece á de hoxe.
Agardo
non equivocarme e que non aconteza o que ata en dúas ocasións se repetiu durante
o pasado século. Rememoracións. Primeira: 18 de decembro de 1913, constitúese a
Mancomunitat de Catalunya presidida por Prat de la Riba; 18 de setembro de
1923, Primo de Rivera, co apoio do rei, dá un golpe de estado;12 de xaneiro de
1924, a ditadura disolve a Mancomunitat, o seu president Puig y Cadafalch
marcha ao exilio.
Segunda:
17 de agosto de 1930, asínase o pacto de San Sebastián entre as forzas
republicanas e as catalanistas; abril de 1931, proclámase a II República; apróbase
o estatuto de Nuria, Maciá, de ERC, president da Generalitat; outubro de 1934,
Compayns proclama o “estado de Cataluña dentro de la República federal de
España”; o goberno radical-cedista suspende a autonomía e encarcera a Compayns;
febreiro de 1936, tras a vitoria da Front
d´Esquerres, Compayns é amnistiado e volve presidir a Generalitat restaurada.
Despois
xa saben o que pasou. As dúas veces que se suspendeu a autonomía catalá a
ditadura estableceuse en España.
Agardo
que se poida coutar a pulsión autoritaria que comeza a asomar tras as ameazas, xa
nin tan veladas, de aplicar o 155 a quen se poña por diante.
Venres
27 de outubro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario