xoves, outubro 26, 2017

A persecución franquista sobre o maxisterio miñorán

Teño ante min o magnifico traballo de Anxo Serafín Porto Ucha sobre as mestras e mestres pontevedreses depurados polo franquismo, continuador doutro excelente traballo seu sobre o maxisterio pontevedrés na II República, na Guerra Civil e no Franquismo, editadas ambas por Alén Miño Edicións, en 2008 e 2003 respectivamente.

    Porto Ucha agasállanos con dous traballos que nos achegan a aquel maxisterio republicano degolado polo franquismo. Mestres e mestras asasinados , lembrados por Castealo na impresionante estampa do Galicia mártir  acompañada da lenda “A derradeira lección do mestre”, fuxidos, exiliados, encarcerados, expulsados do corpo, definitiva ou temporalmente, trasladados das súas escolas... Porto Ucha descríbeo así “... distintas formas de “exilio interior”, dos distintos “exilios interiores”: o cárcere, a clandestinidade política, os traslados, o silencio e o olvido, o rexeitamento dos demais, o desengano, a culpabilidade, a espera, a penuria económica, a non posibilidade de acceso á escola, o exilio dos amigos, da cultura, a negación da escrita, o exilio da familia, ou incluso a non renuncia a vivir os acontecementos, a pesar do amordazamento ao que se está sometido, a desinformación, etc.”

No Val Miñor a represión sobre os mestres e mestras tamén foi intensa. O máis soado e o caso  tráxico do mestre de Nigrán, José Vázquez Grela, asasinado  o 12 de setembro de 1936.

Uns días antes, o martes primeiro de setembro de 1936, El Pueblo Gallego recollía do Boletín Oficial da Provincia a relación de mestres e mestras suspendidos dos seus cargos. Na mesma, na que non figuraba Vázquez Grela, relacionábanse os mestres e mestras miñoráns seguintes, aos que engadimos as sancións segundo o estudo de Porto Ucha.

No concello de Gondomar: José Cribeiro González, Donas; separado do servizo e dado de baixa no escalafón en 1941. Cribeiro presidira a comisión xestora do concello de Gondomar entre abril e maio de 1931 e era un destacado dirixente da FETE-UGT e do agrarismo.

Joaquín Ferrandiz Fernández, (Prado, Gondomar); Luciano Folgar Monteagudo, (Chaín, Gondomar);  Juliana Gómez Martín, (Donas, Gondomar); Prudencio Figueroa Vila, (Vincios, Gondomar), foron sancionados con suspensión de emprego e soldo (uns catro anos), traslado dentro da provincia (dous ou tres anos) e inhabilitación para cargos directivos.

Tamén foron suspendidos temporalmente Juan Antonio Ambrós  Rodríguez (Couso, Gondomar) e Gloria Barbazán (Peitieiros, Gondomar). Así mesmo, aínda que non figuran na listaxe citada, Rogelio Granja Valverde, mestre de Mañufe, con suspensión temporal e traslado dentro da provincia, e Victoriano Taibo García, mestre de Morgadáns. Este último foi suspendido por máis tempo que o anterior e trasladado, por catro anos, a Valladolid. Seica era este o castigo para os relacionados co galeguismo.

    No concello de Nigrán, José Pierres Castellanos, mestre de Priegue, por “militancia en organizacións afectas á República, actitudes contrarias á Causa Nacional, ideoloxía/simpatía de esquerdas e irrelixiosidade” , suspendido inicialmente con separación do servizo e baixa no escalafón, aínda que posteriormente a sanción foi máis “suave”.


    Mentres que no de Baiona, Amando Rodríguez Rodríguez, mestre de Baredo, e Benito Ramallo Gómez, de Baiona, foron separados do corpo e dados de baixa no escalafón. Os cargos contra Benito Ramallo eran: “militancia en organizacións afectas á República, actitudes contrarias á Causa Nacional, ideoloxía/simpatía de esquerdas, irrelixiosidade/ateísmo e plantexamentos pedagóxicos inaceptábeis”. Neste caso o prof. Ucha recolle unha cita de Morente Valero en La escuela y el Estado Nuevo: La depuración del Magisterio Nacional (1936-1943) que di: “este fue el caso de B.R.G. (maestro de Baiona-Pontevedra, quien “en el casino de la Villa (...) negó su filiación española” (subrayado en el original) lo que la comisión superior considero que constituía un hecho de características “monstruosas” y merecedor por si solo de la separación del servicio, como en efecto ocurrió.”

    A mestra de Baíña, María Aguiar Piñeiro, tivo unha forte sanción: suspensión de emprego e soldo (dous anos), traslado fóra da provincia (cinco anos) e inhabilitación para cargos directivos. Tamén foi suspendido Julián Carrascal Luengo, mestre de Santa Cristina da Ramallosa.


   Domingo, 22 de outubro de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario