xoves, outubro 05, 2017

A replica

Sabíase David. Sabía que non ten a forza,  só a sedución. Puigdemont situou o seu discurso nas antípodas do incendiario rei Filipe. Falou de paz, de acordo, de democracia, de dereitos civís, de expresión pacífica, de tranquilidade, serenidade, de non responder ás provocacións...

Mais tamén de firmeza. Reprochoulle ao xefe de estado que se aliñase coas políticas catastróficas do PP e incumprise o papel mediador que lle outorga a constitución. “Així no”, díxolle, na lingua que comprende e fala pero que non quixo empregar no real discurso do día anterior. Recordoulle algunhas facturas impagadas ao sinalarlle que co seu discurso decepcionara moita xente que tiña axudado á institución monárquica en momentos difíciles.

Anotou, o “president”, algúns aspectos salientábeis. Considerou  os cataláns un só pobo rexeitando os conceptos filipinos de “fractura” e “enfrontamento”. Somos un único pobo, reiterou Puigdemont, que non temos problemas coas linguas que falamos nin coas identidades de cada quen, no que xentes coa bandeira española ou coa “estelada” acoden a votar xuntos.

Sinalou que o que están a facer é o que fixeron antes outros pobos e no futuro farán máis, pero de forma democrática, pacífica, con civismo, cun xeito que espertou o respecto en todo o mundo. Coido que é esta a gran achega do “procés”, reivindicar un dereito complexo, problemático, como o xurdimento dunha nación en forma de estado, sen violencia, sinalando que este é o camiño e non o que durante gran parte do século XX asolou o Ulster, Euskadi, Córsega ou outras nacións que queren ser. A comunidade internacional, a europea en particular, deberían decatarse da lección catalá, valorala, para no seu día abrir as canles democráticas a procesos de inevitábel muda dos modelos de estados-nación decimonónicos.

Reclamou mediación, falou das que están sobre a mesa e das que van chegar, insistiu no diálogo con serenidade e firmeza. Mais é evidente que non vai renunciar, a estas alturas, como lle esixen o goberno do PP e o rei, ao que ten aprobado o Parlament, a Declaración Unilateral de Independencia, resultado final do proceso dunha década.

Agardamos que as propostas de mediación se abran paso e afasten a ameaza, a violencia e a humillación do escenario de solución política mediante un proceso negociado nun marco temporal inmediato aínda que teña a pausa precisa. Aínda fican días, non moitos.


Mércores,  4 de outubro de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario