É coñecido o alcume de Lavadores como “Rusia chiquita”, en referencia á forte
presenza que as forzas obreiras tiñan neste concello nos anos esperanzados da
II República. Boa proba foi o éxito da candidatura da Fronte Popular nas
eleccións de 1936 e a resistencia ao golpe militar-fascista. Tamén no Val Miñor
tiñamos unha “Rusia chiquita”, era a parroquia de Priegue. Foi nesta parroquia
nigranesa onde a represión se cebou dun xeito especial. Mesmo foi Priegue o
lugar elixido polos militares sediciosos para fusilar, o catro de marzo de 1939
ás dez da mañá, o máis popular dos
fuxidos do Val Miñor, Manuel Prado Pereira “Lolito”, quen, aínda que natural de
Panxón, do barrio de Area Alta, residía en Priegue.
Ímonos hoxe referir a un curioso informe
incluído na causa 646/36 que instruíu o comandante retirado Arriaga Seoane
contra 22 veciños de Priegue e dous de San Miguel de Oia. Da parroquia miñorá eran:
José Puentes Méndez, Maximiliano Segundo Comesaña Pérez (a) Sapo, Benigno
Benavides Álvarez, Manuel Misa Aballe, Francisco Misa Aballe, Antonio Misa Rodríguez,
Rogelio Álvarez Rodríguez, Ángel González García, Marcial Cabral Costas, José
Misa Rodríguez, Manuel Misa Rodríguez, Francisco Méndez González, Manuel
Fernández González, Manuel Guisande Soto, Ramón Herrerín González, Ceferino
Prado Rodríguez, Victorio Hermida Misa, Julio Román González, Avelino Rial Figueroa, Leonardo
Pérez Sanromán, José Rodríguez Rial, José Valverde Lorenzo. Da viguesa: José
Rodríguez Domínguez (a) Bagullo e Javier Costas Comesaña (a) Ligero.
Dos de Priegue tres estaban fuxidos: José
Puentes Méndez, Maximiliano Segundo Comesaña Pérez (a) Sapo, Benigno Benavides
Álvarez. Os demais presos no cárcere de Vigo. Os dous de San Miguel de Oia
tamén escaparan.
O instrutor relata que, na tarde do 22 de
xullo de 1936, os citados embarcaron nunha camioneta, moitos deles armados con
escopetas e algúns con pistolas, efectuaron rexistros en varias fábricas de
conservas, nas casas dos seus propietarios e nalgúns chalés da praia de Canido
co fin de requisar armas e que ao parecer ían capitaneados polos que están
declarados en rebeldía, que, por fuxir e polos seus antecedentes políticos,
parecen ser os indutores dos demais.
Os detidos foron xulgados e a causa por
rebelión militar quedou sobresida a mediados de decembro de 1936, mais os detidos
quedaron a disposición da autoridade militar que non os puxo en liberdade
inmediatamente senón que, á maioría, non os soltou ata os primeiros de maio de
1937, polo que botaron na cadea sobre dez meses.
A causa reabriuse con motivo da entrega,
agosto de 1939, de José Puentes Méndez e Benigno Benavides Álvarez que pensaban
acollerse aos beneficios da política do gobernador civil Gómez Cantos que
pretendía rematar cos fuxidos prometendo clemencia con aqueles que non tivesen delitos
de sangue.
Con motivo da reapertura do proceso, o
instrutor solicítalle ao comandante do posto da Garda Civil de Baiona que lle
indique tres persoas de Priegue de solvencia moral e que con acerto poidan
depoñer contra os detidos.
O 24 de marzo de a 1941 o garda primeiro
encargado do posto de Baiona ante a petición do instrutor considera que non hai
ninguén na parroquia de Priegue con suficiente civismo para depoñer, como se
pode ver no sorprendente informe que transcribimos para facilitar a súa
lectura:
“En cumplimiento a lo interesado en
su respetado escrito, número 127 de fecha 15 del actual, respecto a tres
personas de reconocida solvencia moral y que con acierto puedan deponer en
causa que instruye su autoridad, contra José María Puentes Méndez, natural y
vecino de la parroquia de Priegue, del Ayuntamiento de Nigrán; tengo el honor
de participar a la digna autoridad de V/S que el que suscribe no considera a
ninguno de la parroquia citada, con suficiente civismo, para deponer en la
información que se ordena, por cuyo motivo me permito omitirla.
Díos guarde a usted muchos años.
Baiona 24 de marzo de 1941.
El guardia 1º encargado.”
Benigno Benavides Álvarez e José Puentes
Méndez foron condenados a 12 anos que
lles foron conmutados en aplicación da Orde do 23 de xaneiro de 1940
sobre redución de penas a tres anos de prisión menor e saíron da cadea polo
Nadal de 1941. Ningún dos seus veciños declarou na súa contra, ningún tiña
“solvencia moral” segundo os sublevados contra a soberanía popular.
Nós
diriamos que en Priegue non había
“chivatos”.
Sábado,
14 de outubro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario