Había
expectación. Moitos levabamos tempo agardando que algún día o xefe do estado,
por designación dun espermatozoide sinalado por Franco, se dignase a falarlle á
cidadanía, á que parece considerar mais ben como súbdita. Fíxoo tarde e mal.
Podíase agardar que defendese a unidade de España, mesmo que rexeitase a mínima
reforma constitucional, pero non que tomase partido pola posición dun goberno
en minoría parlamentaria, sustentado polo partido da corrupción sistemática e
principal responsable da situación en Cataluña. Cómpre lembrar que foi o PP o único
que votou en contra do “estatut” no Parlamento de Cataluña en 2005. Foi o PP quen,
tras axitación nas rúas, levou ao Constitucional, e condicionou a súa
resolución, por seis votos contra catro con artimañas varias que non é momento
de recordar, un estatuto cepillado pola Comisión Constitucional do Congreso, en célebre expresión do seu presidente naquela altura, alcumado como “el canijo” nos ambientes
opositores do tardofranquismo, e
aprobado polas Cortes co voto en contra
do PP, xunto con Esquerra Republicana e
Eusko Alkartasuna, evidentemente por razóns inversas.
Os
que temos unha disposición á esencia da política, isto é, o predominio do
acordo fronte a forza, agardabamos, cando menos, que palabras como diálogo,
convenio, negociación... figurasen, aínda que fose con disimulo, no seu
discurso. Ficamos frustrados. Mais non só iso senón asustados ante os termos
empregados: vulneración, deslealdade, inadmisíbel, quebranto, fractura... Mesmo
algúns valorabamos a posibilidade de certas chiscadelas con algunhas frases en
catalán; pola contra escoitamos un discurso dirixido, en exclusiva, a aqueles
cataláns que senten “gran inquietud con la conducta de las autoridades
autonómicas”.
Un
discurso durísimo que abate todas as pontes, clausura todas as vías, chafa
todas as tentativas de acordo nun conflito político que non ten solución policial.
Nin sequera unha insinuación de pesar para as persoas ás que lles zouparon
cando se dirixían a votar, nin sequera un leve pestanexo. Dureza coa man, co
rostro, cos ollos.
Ten
ben mala sorte Cataluña cos Filipes. O Cuarto, dos Austrias, foi o de 1640; o
Quinto, xa Borbón, o de 1714 e o Sexto, non sabemos en que dará. Pero o que
escoitamos hoxe foi unha declaración de guerra en toda regra, o seu discurso
libéralle as mans a Rajoy e aos partidarios de aplicar o articulo 155 e
resolver o conflito pola forza. O Sexto dos Filipes fixo un discurso político,
redactado polo núcleo máis férreo do nacionalismo español e uniu
indisolublemente o futuro da monarquía á forma de resolución do conflito
catalán, non só no inmediato temporal, senón a medio prazo.
E
non só iso, senón que descualifica a unha boa parte do Congreso dos Deputados,
así por riba, máis dunha cuarta parte dos deputados, e inmíscese directamente
na fractura interna do denominado “principal partido da oposición”, poñendo ao
seu secretario xeral nunha disxuntiva que ameaza seriamente o futuro do seu
partido.
En
fin, unha borbonada.
Martes,
3 de outubro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario