Casa do concello de Baiona durante a República |
Outra
xeración tivo tamén o seu abril, o de 1931. A ben seguro que os daquela
mozos viviron con moita máis intensidade
ca nós a súa primavera, simplemente porque eles eran protagonistas e nós só
espectadores. Foron abrís de ledicia. Máis tráxico foi aquel outro abril que
perdura na nosa memoria colectiva, o de 1846, no que o levantamento democrático
rematou fusilado en Carral.
Acerca
da influencia do abrollar primaveral nos grandes cambios políticos chegáronse
mesmo a formular certas teorías para-históricas que sinalan a coincidencia
entre os estoupidos sociais e os florais. Coa primavera iniciáronse a
revolución francesa e a norteamericana; a independencia de Grecia proclamouse
por maio, o mesmo que a revolta estudantil e obreira do 68. As revolucións
liberais concentráronse nestes meses e tamén o levantamento de Praga. Para este
asunto parece que os rusos son un pouco máis sombríos, fixeron a súa revolución
burguesa por febreiro, a proletaria por outubro e deixaron a desfeita da Unión
Soviética para decembro.
Bromas
climatolóxicas á parte, gustamos de
abril e non pola Semana Santa. Diciamos que foi por abril cando se proclamou a
II República. A estulticia da monarquía restaurada e a verborrea da ditadura de
Primo de Rivera, unha bagatela autoritaria comparada co horror que viría máis
tarde, fixeron que a “nena bonita” fose recibida con ledicia contida pero non
disimulada e apresuradas ilusións, quizais excesivas. Esa alegría preñada de
esperanza tamén se estendeu polo Val Miñor. Poucas veces un cambio de réxime
político se produciu con tanta unanimidade e mesura.
Herminio
Ramos, un coñecido personaxe da vila de Baiona, curioso por datos da súa
historia, nunhas notas manuscritas e
inéditas anotou:
“1931.
Abril,15. Se enarbola la bandera republicana en el balcón del Ayuntamiento de
esta villa por haberse proclamado la República en toda España.
El
comunista Joaquín Mandado en el salón de la Casa Consistorial dice: que los
cuadros que están allí pintados al óleo de los generales Primo de Rivera, Anido
y Alfonso XIII son una probocación (sic). Seguidamente los jóvenes comunistas Manuel
Leyenda (a) Kidán, Manolo González, hijo de Lilía, Telmo Pais, Antonio Davila,
arrojan por el balcón á la calle los dichos cuadros, salvándose de la salvajada
el de D. José del Río Jorge y el del Conde de Bayona y el de su hermano.
Causando muy mal efecto en el pueblo dicho acto de incultura.
Al
izar la bandera el panadero Seoane (a) Fasquías la música rompió con el himno
gallego.”
Non
sei moi ben por que, pero teño a sospeita de que as notas sobre o período
republicano foron escritas con posterioridade á sublevación do 36. A súa
brevidade contrasta co detalle co que trata logo o período que vai dende o
inicio da sublevación para adiante. Outra posibilidade sería que don Herminio
refixese algunhas das notas que el titula Efemérides
bayonesas, e outras simplemente as fixese desaparecer. O Sr. Ramos era un
home moi conservador pero non un falanxista, aínda que se acomodase ben ao
goberno instaurado en Burgos e logo en toda España.
A
verdade é que en Baiona, como nos demais lugares, a proclamación da República
foi un acto de civismo exemplar. Non procuraban os “jóvenes comunistas” ofender
a cidadanía de Baiona (os retratos de José
del Río y Jorge, un militar de alto rango residente en Sabarís , de Manuel Misa
Bertemati (Baiona, 1815 – Londres, 1904) Avogado. Empresario bodegueiro.
Senador. Conde de Baiona e Marqués de Misa, e o do seu irmán Ventura (Baiona,
1802, Jerez de la Frontera, 1885)
continuaron no concello, como o están hoxe en día) senón subliñar a fin dunha
época e o inicio dun novo tempo político.
Que
se estragasen os retratos duns personaxes que representaban o réxime que
remataba non debería considerarse tan estraño, e que Anido , Primo e Alfonso XIII saísen, a súa representación,
polo balcón e batesen contra as lousas
do chan non deixa de ter unha certa vis cómica.
Traxedia,
pola contra, foi, infelizmente, a que lle aconteceu aos nomeados por Herminio
Ramos. Que saibamos Joaquín Mandado, Manuel González, Telmo Pais e o
prestixiado líder socialista, o panadeiro Seoane, foron detidos, encarcerados,
xulgados e condenados polo novo réxime lexitimado non pola forza dos votos,
senón das baionetas. Eles e non os seus retratos. O mesmo lle aconteceu a
varios centos de veciños de Baiona e do Val Miñor. E boa sorte tiveron os que o
puideron contar. Cando algúns deles saíron en liberdade, Hermino Ramos anota:
“1937, Abril,7. Son puestos en
libertad 17 escopeteros rojos después de siete meses en la carcel de Vigo. “
Para
moitos o sufrimento e persecución non rematarían aquel día.
Venres,
13 de outubro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario