Regreso
de terras estremeiras eo-naviegas. Dende os cumes montesíos baixamos, subimos,
en reiteradas uves, camiño do mar, en terra de camiños. O lene renxer do motor
e o maino guiar do chofer incitan a relaxación post estufado de vitela manxado
nas terras do Cádavo baleirés. Entre as curvas recorrentes ollamos carballos,
bidueiros,
na Fonsagrada seica lle din budeiros, teixos, faias, abeleiras, tamén
lle din abrairas,
abruñeiros
ou espiños, xardóns,
que noutros lugares lle din acivro, e outras árbores que en disputa coa intensa
matogueira de uces,
xestas,
carqueixas,
piornos,
que outros din codesos, e carpazas,
protexen o chan da erosión. Máis tamén ameazan xa ringleiras de eucaliptos en
militar formación invasora.
Nas
zonas de cobertura, os chíos dos guasap e outros andan a enredar no relax. Os rechouchíos
van en aumento e as primeiras chamadas falan de pánico, de lume por tras de
Baiona, de desaloxos, de casas queimadas, de que arde o CUVI, a Garrida, o
Galiñeiro, de que hai automóbiles bloqueados no túnel da Cañiza... As chamadas
“redes sociais”, como se antes non houbera redes nin sociedade, facilitan a rápida difusión das novas a e coa
mesma celeridade expanden temores, alarma, medos e toda caste de canfurnadas,
inocentes ou non tanto. Os comentarios entre nós van en aumento, ata que xorde
a pregunta que paira eternamente, é un dicir, poñamos que dende hai catro
décadas... quen queima o monte? Uns e
outros mirámonos, rascamos a testa, tatexamos... e cada un vai dando a súa razón. E haberá
tanto chalado? Pregúntome. Haberá tanto trastornado? Padecerán o mesmo tipo de demencia que en Australia,
California, Grecia ou Portugal? Será tan doado prender lume no monte?
Falouse
de tramas incendiarias que nunca se desarticulan, de centos de detidos acusados
de prender lume que fican libres. Onte mesmo as redes sociais perseguiron unha
motocicleta con dous rapaces, mesmo difundiron o número dunha matricula;
despois un coche, dunha cor concreta e marca definida. Nada se soubo. É máis
doado atopar malvados que desentrañar o mal. E este, o mal, é moito máis
complexo que perseguir facinorosos reais ou imaxinarios.
Despoboamento,
cambio de uso, abandono de terras, a terríbel combinación dos tres 30%,
intereses económicos, despistes ou accidentes que se ocultan, irresponsabilidades varias... pero tamén un
modelo forestal baseado no eucalipto e no piñeiro de baixa calidade e produción
rápida, ao que só se resisten, e con moitas dificultades, as comunidades de
montes, e non todas, nin moito menos. Mais tamén que o monte non serve para
outra cousa máis que para ter árbores, un pensamento forestalista que xa
defendía, erroneamente, Castelao.
Eucaliptización
e forestalización son o mal. Combatelo
non só non é doado senón que precisa dunha autentica revolución mental,
cultural e social. E iso non o vai facer unha sociedade dirixida por
caloteiros, habitada por vellos e fuxitiva dun medio rural que só ofrece
tristura. O grande impacto dos incendios de onte foi cando a cidade se sentiu
asediada, cando prendeu lume na avenida de Europa, cando as faíscas do Alba e
do Cepudo acenderon o Castro ou a Praza de España. Agardemos que ese impacto sirva
para que o debate se concentre no mal e non só nos malvados.
Casares
escribiu un mangado de relatos que acolleu baixo o rótulo de Os escuros soños de Clio. Refírese á
musa da Historia, á que chama, seguindo unha sociedade secreta berlinesa, a
Gran Caroqueira ou o que sería o mesmo a Gran Caloteira. Unha caroca ou un
calote sería un engano, unha patraña, unha mentira, unha trola, urdida con
perversa habilidade.
O
Gran Caloteiro falounos de que foi un atentado terrorista programado, unha
acción malvada realizada por, non se explícita pero... poden ser os seus
inimigos políticos ou quizais os brigadistas que el privatizou; nun exercicio de supremacismo
español chegou a dicir que os incendios viñan de Portugal. A perversidade é trazo
identificador dos escasos de moral como Rajoy e Feijoo, os perfectos burócratas,
como os cualificaría Ana Arendt, coincidentes nas súas poucas lecturas, no
desprezo pola intelixencia e nos falares parvos e hipócritas. Lémbrarase este
último do que dicía en 2006 cando se disfrazou
cuns zapatiños “castellanos”, camisa “pija” e mangueiriña para regar os
xeranios co único fin de tirar rédito político dos incendios daquel agosto?
Terá algo que ver neste asunto a prórroga de ENCE decidida polo goberno de
Rajoy? Haberá un decreto que obrigue a cortar a madeira queimada para baixar
aínda máis o seu prezo?
Os
membros da sociedade secreta imaxinada por Casares coidaban que cos seus
escritos apócrifos podían modificar o Pasado e cambialo para ben da Humanidade.
Redactemos pois un escrito que nos relate como o eucalipto non se deu adaptado
ao noso país, como inzaron os soutos de castiñeiros onde as xentes
asoutaban (así din na Fonsagrada)
toneladas de castañas que vendían a medio mundo; como inzaron as carballeiras e
como mozos e mozas abaneaban nogueiras e apañaban noces, que competían nos
mercados coas de California, recollían cogomelos, podaban esveltas árbores que logo
pinchaban para os serradoiros que subministraban longas táboas ás fábricas de
mobles; mentres nos curutos penedíos agatuñaban
cabras e nas chans intermedias pastaban vacas de carne e ovellas entre años
saltaricos. E non había incendios.
Ou
imos seguir crendo ao Gran Caloteiro?.
Luns, 16 de outubro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario