Se
nos detemos, aínda que sexa con moita présa, nos rituais asasinos dos matadores
que asolaron o país nos meses finais de 1936 podémonos decatar dalgúns trazos
comúns a moitas das matanzas. Por exemplo, procuraban deixar os cadáveres preto
dos cemiterios e, con frecuencia, cerca da casa dalgún sospeitoso de ser
“rojo”, a quen se obrigaba, á mañá seguinte, a trasladar os corpos ata o campo
santo. Gustaban das estradas
concorridas, na altura o tráfico nocturno era escaso, de tal xeito que os que por alí pasasen e
contemplasen o horror se convertesen en atemorizados mensaxeiros do terror.
Procuraban a proximidade das pontes xa
que os espazos ancheados para a súa construción permitíalles sacar o coche da
estrada, meterlle os focos nos fociños aos condenados e torturalos física e
psicoloxicamente durante un tempo no que as chanzas máis brutais irían
acompañadas de troula sádica e consumo de alcohol.
As
matanzas estaban organizadas e planeadas para obter uns efectos. A premeditación
concede pouca marxe ao erro. A frase: a fulaniño matárono por envexa, por
celos, por unha noiva... xa que non fixera nada, é absolutamente falsa. Aquel a
quen se pretende exculpar, simplemente
formaba parte do plan de asasinatos daquel día. Mesmo detrás desa frase feita,
parece deslizarse a sospeita de que outros “si fixeran algo” e polo tanto o seu
asasinato podería ter unha certa perversa desculpa. Todos foron crimes
horribles e polo tanto irracionais, e todos, resultado dunha acción planificada
de exterminio político e ideolóxico.
Outro
dos aspectos nos que matinaban os asasinos nas súas “sacas” eran o lugar onde
ían deitar os cadáveres, repartíndoos polas estradas e montes dos arredores,
así como facer as “sacas” por grupos de veciños.
Poñamos
algúns exemplos do primeiro: aparecen cadáveres en Pereiró (Vigo), na Pasaxe,
en Vichicáns, no Pegonegro, Vilaza, (Gondomar), Entre dous Ríos, (Tebra,
Tomiño) ou tamén neste concello na finca
ou monte do Candeira. Todos lugares cunha continuidade lóxica nunha viaxe dende
Vigo.
O
segundo aspecto é máis evidente. Mataban agrupando os veciños por barrios,
parroquias ou concellos. Por exemplo: 14/08/36 aparecen mortos no Monte
Candeira, de Tomiño, cinco veciños de Teis; 25/09/36 outros cinco mortos, estes
do Porriño, no monte Salgueiro de Tomiño; 6/10/36 tres veciños de Alcabre
aparecen entre A Pasaxe e Vichicáns en Vincios, acompañados doutros tres
cadáveres;15/10/36, na coñecida como Volta dos Nove, son asasinados cinco
veciños de Nigrán, catro deles de Panxón, e catro de Baiona; 28/11/36 aparecen
cinco cadáveres na Praia de Lourido, en Nigrán, só aparece identificado o de
Carmen González Domínguez, da Bagunda, Lavadores, sospéitase que os compañeiros
de infortunio eran tamén desta parroquia viguesa; 14/3/37 dous xornaleiros
naturais de Portugal, residentes e casados en Chaín, Gondomar, apareceron
mortos en San Xián, O Rosal.
Sobre
estes crimes volveremos noutra ocasión. Hoxe era a nosa intención sinalar un
agrupamento diferente que se produciu na noite do 23 de setembro de 1936. Foi
este un criterio laboral que quizais puxese de relevo a importancia que para o
mundo sindical e obreiro tivo este grupo de traballadores de Tranvías de
Vigo e o valor exemplar que os asasinos lle
querían dar ao seu múltiple crime. A
persecución a que foron sometidos os traballadores da empresa de tranvías foi
especialmente intensa; cuestión que xa se apuntaba en Galicia bajo la bota de Franco (1938: 57, segundo a edición de
2005): “Los primeros golpeados fueron los obreros de la compañía de tranvías
que aún no habían permitido que el servicio se reanudara normalmente.
Asesinaban incluso a gentes que se habían resignado a retomar el trabajo, al
menos a aquellos que se habían destacado por su actividad socialista o
comunista. Para llevárselos, los falangistas se situaban en las cocheras de los
tranvías a la espera de que las infortunadas víctimas terminaran su servicio.”
Mércores
11 de outubro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario