Lemos
en Santiago Lamas (Lisboa e o mal,
elcercanoediciones, 2017) unha referencia, tomada de Bauman, a unha das
grandes figuras do New Yorker, Dwight MacDonald.
O colaborador do semanario neoiorquino escribiu en 1945, cando bouraban nas
mentes racionais as novas sobre o Holocausto: “agora debemos temer máis a persoa que obedece a lei que a que a viola”.
Algo
semellante escribiu Arendt ao falar do “asasino de despacho” Eichman (Eichman en Jerusalén. Debolsillo, tradución
de Carlos Ribalta, 2013, capitulo 8 “Los deberes de un ciudadano cumplidor de
la ley”).
Nestes
tempos que vivimos abesullados, de novo, por verbas como lei, legalidade,
tribunais, fiscais, constitución..., cando se pretende substituír a política,
isto é, o diálogo, a transacción, a negociación, o compromiso, a concertación...
pola obediencia, non só das ordes,
senón tamén da lei como diría Eichman,
polo “imperio da lei” (termos contraditorios) ou pola forza policial, non
semella inútil re-ler os debates dun mundo traumatizado por un horror que
parece afastado de nós na súa impactante brutalidade pero que, indefectibelmente,
sempre anda a tentar, dunha ou outra forma, aos que exercen o poder.
Arendt
sinálanos como Eichman botou man, escandalosa man, dos preceptos morais kantianos
para dicir que no momento en que recibiu o encargo de levar á practica a
“Solución Final”, deixara de vivir de acordo con eles, e que ben se decatara,
pero que se consolara con que “deixara de ser dono dos seus propios actos” e
que el “non podía facer nada”. Arendt indícanos a trampa de Eichman; non é que
prescindise da formula kantiana porque non podía xa ser aplicable; é que a modificara,
a transformara en “compórtate como si el principio de tus actos fuese el mismo
que el de los actos del legislador o el de la ley común”; ou o que sería o
mesmo segundo o imperativo categórico do Terceiro Reich: “compórtate de tal
xeito que se o Führer te vise aprobaría os teus actos”.
Na
“versión caseira” de Kant daquel “home sen importancia”, como se definía
Eichman, un “home normal”, podemos escoitar hoxe, ficaba, do filósofo, a
esixencia de que o home faga algo máis que obedecer a lei, que identifique a
súa propia vontade co principio que hai detrás da lei, coa fonte da que xorde a
lei. Na filosofía de Kant esa fonte era a “razón práctica”; para Eichaman, a
vontade do Führer. Esa convicción en actuar como se un fose o autor das leis
que obedece identificámola como tipicamente alemá, máis tamén é propia do
perfecto burócrata. Unha lei era unha lei e non cabían excepcións, dicía
Eichman, aínda que no xuízo admitiu que a incumprira en dúas ocasións.
Que
credibilidade pode ter un dirixente político que se comporta como un perfecto
burócrata e incumpre as leis, non en dúas, senón en múltiples ocasións, para
esixirlle aos demais que cumpran aquelas leis que a el lle interesan?
Xoves,
5 de outubro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario