Din
que o “emperador do Paralelo” gustaba de se fotografar baixando do vagón de
terceira e cun bocadillo na man cada vez que ía a Barcelona. Pretendía así
arrepañar uns cantos votiños entre os obreiros emigrantes estremeños ou
andaluces. Agora triúnfa outro “postureo” obreiro que, a diferenza da
trampullada lerruxiana, ten moito que ver coa virtude humana por excelencia, a
estupidez, como xa ten demostrado Einstein.
Dígoo
porque acabo de saber que unha empresa
norteamericana de roupa de luxo vén de sacar ao mercado, aquí xa se poden
comprar, uns pantalóns tipo vaqueiro cheos de lama polo módico prezo de 425
dólares. Por un prezo semellante pódese comprar a cazadora a xogo. Supoño que,
cando menos, ambas prendas irán acompañadas cun certificado de autenticidade.
Tanto unha como a outra son 100% algodón e fabricados en Portugal.
Cando
era novo, se batías con alguén cunha tatuaxe visible púñaste en prevención ante
o hipotético tipo barriobaixeiro. Nos tempos de hoxe, entre o mocidade, e non só, seica se non levas unhas
cantas calcomanías enxertadas na pel xa
non tes moito que dicir. Descoñezo se nisto engade valor o lugar do corpo.
Como
saben, a cousa “grunge” non vén de agora. Lembro a “moda rompedora” das señoras
con chándal e zapatos de tacón que dexenerou nunha versión cutre próxima á dos “chavs” que nos describe Owen na súa
denuncia da demonización da clase operaria. Polo que tamén nisto, é obvio, hai
clases.
As
rapazas e rapaces ben locen os seus vaqueiros estragados e gastados polos que
pagaron no delirio do consumismo o que cobran de pensión moitas persoas maiores
ou o que gañan os subempregados na sociedade de servizos precarios. Seica unha
empresa xaponesa vende os vaqueiros esfiañados por tigres de bengala, leóns ou
osos; non sei se o prezo é común ou vai en función das poutas do animal. Outra,
din, vende, a gran prezo, pantalóns usados por mariñeiros durante un ano;
descoñezo se neste caso o cheiro é un plusvalor. Ocorréseme que a lama amasada durante algúns
meses por unha boa recua de porcos podería darlle un valor engadido ao modelo.
Poderíase ir pensando nun perfume carísimo para os agasallos do nadal. O
importante é que sexa tan caro como o
que inventou a mesma empresa dos vaqueiros enzoufados para as festas de fin de
ano, meteu un croio nunha funda de coiro cosido a man. Cobraba unha animalada.
Non se sabia moi ben cal era a súa función pero foi todo un éxito de vendas.
Mañá
non me disfrazarei de obreiro, irei cos meus á manifestación do 1º de maio como
levan facendo os traballadores do mundo dende 1886.
Domingo, 30 de abril de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario