Dende
hai unha década, nas proximidades do 27 de xaneiro, no Castelo de San Filipe, réndeselle
homenaxe a Amada García Rodríguez. Alí, na angostura natural da ría ferrolá, a
un tiro de pedra de Mugardos, as seis horas e trinta minutos daquel último
xoves do primeiro mes de 1938, caía, abatida polas balas sublevadas, a nai de
Gabriel Toimil García, un cativo de menos de tres meses que a súa nai parira no
Hospital de Caridade de Ferrol, a onde a levaran dende o cárcere de mulleres.
A
memoria comezaba a elaborarse dende ese mesmo momento. Para unha memoria, unha
muller inocente e débil, vítima da inxustiza, que nin forzas tiña para camiñar
e precisou apoiarse no brazo doutro condenado. Para outra, Amada é a militante,
a muller de heroica dignidade, que, erguida, mirando aos ollos dos soldados do
pelotón de fusilamento, aréngaos dicíndolles que non lles garda rancor que ben
sabe que teñen que cumprir ordes.
Entre
unha e outra memoria o historiador achéganos unha fonte presencial. Apoiada no
brazo do compañeiro de infortunio de maior idade, Ángel Roldós, Amada, e os
outros sete condenados, foron colocados contra a parede. Na primeira descarga,
uns soldados tiraron alto, outros contra os sete varóns, que caeron; Amada
ficou de pé, cunha ferida superficial nunha perna. Ordenouse unha nova descarga
que guindou o corpo da muller sobre os dos compañeiros caídos. O tenente
realizou catro tiros de graza; o informante non sabe sobre quen. A información
coincide coa que lle dou o médico militar presente a algún familiar de Amada.
Comezaba,
primeiro, a fixación na memoria, despois, a elaboración colectiva do
acontecemento extraordinario: que fusilasen unha muller que acababa de dar a
luz. Non foi a única, segundo o proxecto Nomes e Voces, foron executadas as
pontevedresas Consuelo Acuña Iglesias (54 anos) e Elvira Lodeiro González (28
anos), e tamén: Consuelo Alonso González (40 anos), "A Comunista",
vendedora de xornais en Monforte, executada en Lugo, Erundina Álvarez Pérez en Ourense, Josefa Barreiro González (28 anos),
de Vilagarcía, Amelia López Ojea (55 anos) no Barco de Valdeorras e a tudense Evangelina
Jaso González.
Nesa
rememoración mítica Amada é revirada nunha Mariana Pineda. Unha muller, guapa e
débil, que o único que fixo foi bordar unha bandeira; segundo unhas memorias,
republicana; segundo outras, comunista. Unha nai á que lle arrincaban a vida
pola súa familia esquerdista e que ao final libraba da pena. Unha muller brutal
e incomprensiblemente castigada.
Ten
que chegar o investigador, o historiador para desbravar a memoria, comprobar,
contrastar, contextualizar, procurar os arredores. Ese é o labor que realiza
con tanta paixón como rigor, dende hai moitos anos Bernardo Maiz, no seu Amada García e os seus arredores
(Edicións Embora, 2017). Así imos sabendo que pensaba a filla de Petronila, a
onde quería chegar aquela comunista. Afiliada ao partido en 1935, mitineira xunto
a Dolores Ibarruri no teatro ferrolán,
candidata a concelleira en Mugardos nas eleccións municipais adiadas en 1936,
activista da Fronte Popular, manifestante na cabeceira do primeiro de maio de
1936, oradora dende o balcón da casa do concello á beira do, tamén comunista,
alcalde: Juan Prieto Balsa. Que pensaba a filla da Petronila?.
As
elites vilegas sentíanse ameazadas e reaccionaron coa brutalidade do fascismo
campante en gran parte daquela Europa.
Xoves,13 de xullo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario