Fálase,
dende hai uns anos, dos problemas que xera o turismo masivo para as xentes que
viven nas cidades viradas en centros de peregrinación laica. Quizais o máis
coñecido sexa o caso de Barcelona, onde as reiteradas protestas veciñais alertan sobre o despoboamento dos barrios turísticos
abandonados ao invasor que descabalga de avións ou de turísticos transatlánticos cargados cos aparellos de retratar e os
móbiles en permanente posición de cámara para chiscarlles milleiros, millóns,
de ocasións e tirar a mesma cantidade de imaxes, que ninguén vai ver.
Aquela
acordanza, con apuntamentos de novidade, hai moitos anos na nosa particular
Compostela universitaria, de medio cento de nipóns cargados con outro medio
cento de Nikon, co permanente sorriso nos beizos, seguindo unha moza uniformada
portando na punta dunha variña unha bandeira colorida como as de Kurosawa
e dirixíndose a eles nunha koiné pouco
comprensible, é hoxe un fenómeno abafante en moitas das cidades que se
entregaron á aparencia do turismo.
Nalgún
caso, como no da nosa cidade difusa, o abandono dos sectores produtivos e a
excesiva atención á masificación turística ameazan con converter o anaco verde
do noroeste peninsular nun parque temático para peregrinos xacobeos, bañistas e
gastrónomos, habitado por vellos e camareiros, uns poucos en Citröen e outro
mangadiño en Inditex. Os medios anuncian o récord de ocupación hoteleira, os millóns de
visitantes por aquí e os outros millóns por alá, o espectacular aumento de
contratos temporais e mal pagos. Datos tan enganosos como a aparencia
automobilística nas “cunetas” dos torreiros festivos; coidas que a aldea
reviviu, ilusión, o campo da festa está baleiro; só hai coches.
Desculpade
a digresión. O caso é que fun ver as floridas alfombras das ribeiras do Tea e
topeime coa agoniante presión dos obsesivos viaxeiros intercontinentais. En grupos
de cincuenta baixaban dos autobuses, desenfundaban os móbiles, púñanse na
fileira e veña dálle, e veña dálle. Dáme que, como lle sucede aos
“intercontinentais” cos monumentos, estes non tiveron tempo de ver as
alfombras.
A
diferenza só estaba no estrato social. Popular en Ponteareas; de clase media
recortada os “guiris intercontinentais”.
Martes 27 de xuño de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario