Estou
papando a mosca na terraza dunha xeadería, dubidando entre erguerme a estirar
as pernas ou pedir outro café, cando vexo que se van achegando. Unha repousando
no brazo da outra e deténdose cada pouco. Despois dunha breve parrafeada
mirándose aos ollos, intercambian o pousadoiro, a que antes viña de apoio agora
pasa a ser apoiada. Elegantes, cunhas blusas monocromas e unhas saias
estampadas; cada unha seu bolso cativo de pel sobre o que apoian unha fina
chaqueta de fío a xogo coas blusas respectivas.
Volven
deterse a parrafear mentres agardan que mude o semáforo. Á orde verde póñense
en movemento cunha enerxía descoñecida uns segundos antes. Avanzan pola beirarrúa de cara a onde estou sentado. Mesmo
penso que se dirixen a min. Mais non, despois doutro breve descanso, sentan nas
cadeiras da mesa do lado, despois de colocalas con tranquilidade mentres
continúan coa lareta entrecortada por un asenta aquí, asenta alí das cadeiras
metálicas.
Dúas
lambonciñas. Piden sendas copas de xeado. A da blusa rosa pálido, de plátano, abelá e turrón; a da camisa verde clara, máis clásica, solicita
chocolate, nata e amorodo. Acougan mentres
non chegan as copas a rebordar de cores. O silencio faise eterno cando llas
serven. Con pracenteiro sosego van dando conta dos sabores con fruición.
Véselles gozar ata o momento no que as culleriñas comezan a tinguilear no
cristal baleiro. Despois, un prolongado repouso das costas, apaña cada unha seu
pano de papel, limpan os beizos. Suspiran. Son felices. A tarde avanza.
Retoman
a latricada. Oes! Como era aquel que casara coa filla do Remixio de onda a
igrexa e que ten unha casa mesmo onda a
praza de abastos... seino oh!, téñoo na punta da lingua, pero non me sae. Si
muller, si, é que o outro día pasei por onda
el e ten unha planta que bota unhas flores tan bonitas, tan bonitas, non
sabes?, como se chaman, muller?, dáste conta?.
-
Si filla, glicinias, e el chamase
Arximiro. Que tamén, tanto a xenro como a sogro vaia nomes lle foron poñer!.
-
Oes! Acordas cando falabamos todo
de seguido?.
Luns, 17 de xullo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario