mércores, xullo 05, 2017

Todo por un “agás”.

Seica anda preocupado o mando da Garda Civil de Gondomar por un “agás” e instou o  concello a que se sancione a si mesmo. O asunto é ben simpático, en tres sinais de “prohibido o paso” engadiron, suponse que con autorización do concello, unha breve lenda coa excepción “agás”; nun caso “profesores e persoal autorizado”, ou algo así, e no outro coido que “usuarios do polígono”. Levan no seu sitio uns dez anos; tal dilatación temporal cuestiona, con gravidade, a eficacia investigadora do mando  gondomarés. Unha década en descubrir tan perigoso delito!

A gravísima infracción vén derivada de non ir incluída xunto á  “excepción”  indicada na lingua propia, un “agás” traducido á impropia, vulnerando non sei que lexislación. Mira que se os galegos que empregamos a nosa lingua na vida cotiá, as outras cando as precisamos, andásemos anotando todos os infinitos momentos en que non se cumpre a lexislación, non faríamos outra cousa na nosa vida.  Porque falando do asunto, aquí, non se cumpre, con constancia enfermiza, a lexislación, sempre en prexuízo dos dereitos lingüísticos dos galegos falantes e escribentes.

Quen non o vexa, ou está xordo e cego ou ten unha alteración perceptiva grave seguramente orixinada por sentimentos de xenreira que ocultan outros complexos enfermizos e por iso saltou de seguido a lebre dunha asociación trastornada que pretende partirlle a xente a lingua pola metade.

O asunto vén de chanzas sucesivas. O ano pasado o mando da Benemérita institución andou a vixiar as festas das parroquias e a multar as comisións por non rematar na hora legalmente establecida o bailongo nocturno, co cabreo das persoas comisionadas, e da veciñanza, que escoitaban con envexa como o “chunda, chunda” nas parroquias dos outros concellos miñoráns se prolongaban na noite. O mesmo aconteceu con locais de hostalería local que tiveron sancións de gravidade económica, coido que resoltas como puideron. Mesmo, segundo teño entendido, o mando mediu  con detalle a altura dos pasos peonís elevados instalados no centro da vila.

Todos sabemos que non se pode responsabilizar unha institución pola falcatruada orixinada polo encabuxamento  de alguén, que é o que o caso semella e que agora terá que explicar o goberno español ante a pregunta da deputada Alexandra Fernández Gómez. Ben sabemos distinguir entre mandos e números así como entre institucións e persoas.

Mércores, 28 de xuño de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario