Teño
algúns amigos, e algunha que outra amiga, que militan na esquerda
conspiranoica. Chámolles así con afecto. En todo o referido ao plano
socio-político-económico a gran escala atopan algo que non está claro, do que cómpre
desconfiar, ordenado por certas forzas escuras que ao final identifican con
personaxes de moito poder que conspiran na sombra. Eu sempre lle retruco cos
versos do Zeca Afonso: Se o fascista
conspira na sombra/O que faz falta/O que faz falta é avisar a malta/O que faz
falta/O que faz falta dar poder à malta. Claro que avisar a xente non é tan
doado, pois ao mellor non nos fai caso. Pero a esquerda non ten outra forza que
a da xente. Xa o cantaba Cilia poñendo voz e musica ao texto de João
Apolinário: “É preciso avisar toda a gente/Dar notícia, informar, prevenir”.
Manteño
pois unha certa distancia coas explicacións conspiradoras, cando menos na
programación dos grandes movementos económicos e sociais de fondo que me
parecen bastante incontrolábeis por moito poder que se teña. Moito menos
mudalos de rumbo. Puido acontecer unha vez, hai agora cen anos, cando un grupo
de militantes profesionais, dirixidos pola clarividencia de Lenine, puideran
dar un “coup de force” que mandou o tsarismo á broza da historia, pero pouco
máis.
Ora
ben, a raíz do “Gran Suicidio” destes días un empeza a matinar que ao mellor
teñen algo de razón.
Revisemos.
Un dos individuos que se fixo pasar por xuíz e enganou a un dos argallantes da
“Gran Trama Corrupta”, suicidouse, en 2009, cando se estaba a iniciar a
instrución do caso; un empregado do PP, pai do home de palla de Barcenas en
Suíza non puido recibir a citación do xuíz Ruz porque morreu, non se sabe moi
ben como, uns días antes; á muller dun
senador do PP, tamén imputada, ocorréuselle suicidarse pouco despois; o
construtor Martínez Núñez, ben coñecido nos despachos de San Caetano e
investigado por seica andar argallando unha trama para asasinar o conselleiro José Cuiña Crespo, faleceu, ao
igual que o conselleiro, de morte natural. O sicario, un venezolano, apareceu
aforcado en León. Dous dos fillos de Martínez Núñez foron detidos por branqueo
en relación coa “Gran Trama Corrupta”.
O
xuíz Pedreira, instrutor do caso da “GTC”, durante tres anos sufriu un derrame
cerebrovascular e faleceu algún tempo
despois, aínda novo; un asesor do PP andaluz, xornalista e involucrado na trama,
apareceu morto nun cavorco; un ex conselleiro de Iberia tamén faleceu antes de que fose chamado a declarar; un
arquitecto imputado faleceu hai pouco.
A
morte da Sra. Barberá e o cando menos estraño suicidio de Blesa danlle materia,
e argumentos, a eito aos meus amigos conspiranoicos.
A
verdade é que teño difícil poder seguir mantendo a miña incredulidade ante os
amigos. Vou ter que recorrer a don Vito como explicación.
Mércores, 19 de xullo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario