Turrou
dos pés con dificultade evidente, o brazo inútil pegado ao corpo e agarrado
pola man que aínda lle responde, a cabeza virada cara á dereita, a boca torta cun chisco de cuspe
pingando. Dixo que non se lembraba de nada, de nada, que estaba desmemoriado,
que estaba perdido, que de nada se acordaba.
A
defensa argúe inconsciencia, trastorno mental transitorio e anuncia recurso. A
sentenza afirma que controlaba as facultades intelectivas e volitivas.
Non
facía máis que ver a tele, alí sentada, adurmiñada toda a tarde, roncando de
cando en vez. Apañou o martelo e deulle na cabeza. Sangraba moito. Desvariou os
ollos e mirouno incrédula, como se non entendese, como pedíndolle explicacións.
Non sabía que facer, golpeouna outra vez. Tirou cadeiras, partiu o cristal da
porta da cociña, abriu caixóns, baleirou bolsos. Bateulle co martelo na cabeza
por terceira vez e saíu pola porta berrando: matáronme a muller, matáronme a
muller!!!
Os
veciños sosegárono e a bruxa de enfronte chamou a ambulancia. Cando escoitou o
ni-no-ni-no dando a volta na curva da estrada, matinou en que ao mellor non lle
dera o suficiente. Cando chegou a Garda Civil, decatouse de que non lle crían o
conto. Cando soubo que ela non morrera, convenceuse que malo sería, que había
que agardar.
Segundo
pasaban os días, os gardas seguían a preguntar e ela sen morrer, matinaba na
salvación da súa honra e da familia. Ver a filla e o xenro facer garda agoniados no hospital,
íalle mal. Escribiu a carta; nela concluía “fago todo isto para non ter máis
líos”. Un día que ficou el con ela espetoulle o coitelo que trouxera da casa e
logo quíxose matar, pero non tivo forzas máis que para quedar tolleito.
Estas
tres historias son tan reais como horríbeis. Catro vítimas, todas mulleres.
Domingo,9 nde agosto de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario