Falabamos
onte das elites en Galicia e da súa perpetuación ao longo de oitenta anos, unha
permanencia resultado da explícita admisión, como grupo, do seu rol subalterno
ás clases e fraccións que deseñaron, dende hai dous séculos, o modelo do
estado-nación España. Non tiveron nunca pretensión de cuestionar a
marxinalidade, tamén delas, sempre e cando non se puxese en cuestión o seu
“mando en praza” e se permitise que algún dos seus exercesen poder
administrativo na corte. Son recua: Rajoy, Joaquín Calvo Sotelo, Carrero
Blanco, Franco e se imos un pouco para atrás, Casares Quiroga e Portela
Valladares; podemos recuar aínda máis: Bugallal, Dato, García Prieto,
Canalejas, Montero Ríos, só por citar os xefes de goberno; poderiamos engadir
persoas de tanto poder como Fraga, Nieto Antúnez, José Calvo Sotelo... Mais xa
foi.
O
caso é se somos quen de argallar unha alternativa para apartar por un tempo
prudencial esas elites aínda que só sexa para que perdan o costume de gañar.
Imos
deixar un novo ciclo político (dúas ou tres lexislaturas) en mans de grupos que renuncian de partida a
representar un sentir colectivo nacional, de persoas dispostas a entregar os
recursos económicos, financeiros, produtivos ou mineiros...; mesmo dispostas a
cortar calquera caste de esperanza de rexeneración vital ou territorial se esta
cuestiona o máis mínimo, o seu dominio?.
Esta
é, na miña opinión, a cuestión central
para a subalterna Galicia e as súas clases subordinadas. Á cal só se pode
responder dende unha ampla alianza social que sexa quen de remediar a impericia
das esquerdas, e en xeral dos progresistas, para construír procesos de conxuncións
e ordenar prioridades.
Andar coas
aburridas brincadeiras de quen é máis de esquerda ou quen é máis nacionalista,
só serve para destruír a confluencia. Hai quen estea por facelo?, haino; menos
dos que o din, pero haino; porque é un clamor social. Cómpre darlle aire,
reducir o peso dos grupos que, sempre os vai haber, pretendan limitar a
conxunción; agardar, con tino, por aqueles que poidan tardar máis en converxer
e avanzar no diálogo cos aliados necesario para formular a alternativa posible
cara ás eleccións municipais e as parlamentarias de 2020.
Precisase
rexeneración, pero esta só a podemos construír nós. Ollando con atención pero sen
deixarnos atordar polos asuntos de fóra.
Non
é bo que ninguén se afaga a gañar sempre, e moito menos durante décadas que fan
séculos.
Luns, 3 de xullo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario