venres, xullo 07, 2017

No cárcere da Coruña

Convidoume o activo e sempre xentil  Uxío-Breogán Diéguez a participar no curso de verán da UdC Memoria e cidadanía democrática. Así que aproveitei para visitar un amigo e asistir ás dúas xornadas. Gorentosas e farturentas ambas.

O primeiro día rematou cun paseo polos sitios coruñeses de memoria e o simbólico, á  vez que emotivo, acto de apertura do ruinoso cárcere acochado na valgada da torre herculina para deixar paso a unha pequena representación das persoas que alí foron privadas de liberdade durante a última ditadura. Unha memoria que cómpre recuperar. Outros lembramos algún día de Nadal no que, dende os outeiros próximos, na actualidade achanzados baixo moles construcións, enviabámoslle o noso agarimo e solidariedade aos compañeiros encarcerados, tamén no chamado período democrático, e como nunha das ocasións baixamos a rebolos encirrados polas porras policiais.

Chamoume especialmente a atención a achega presentada pola profesora Sara Carou sobre o revisionismo inspirado por poderosos sectores sobre a represión franquista en calquera da tres formas que sinalou, en especial a de “trivialización”, a cousa non foi para tanto, ou a aberta “negación”, foi unha guerra e cometéronse excesos nos dous bandos, aínda que nalgúns lugares, como entre nós, só houbese un,  e noutros territorios non se queira distinguir entre o que foi represión programada e decidida polos mandos da sublevación (as ordes de Mola non deixan lugar a ningunha dúbida) do que foron asasinatos incontrolados que o goberno da República intentou evitar. Mesmo podemos observar e sospeitar que en privado  os brotes da fase apoloxética, de “xustificación” da represión., son máis frecuentes do que coidamos.

Acae a reflexión da profesora ante a pretendida equidistancia coa que se pretende equiparar as accións e consecuencias dos sublevados contra o réxime democrático coas das persoas leais á República e defensoras da mesma.

Nalgún caso retrotraéndose á folga xeral de outubro de 1934, pero non facendo o mesmo coa “sanjurjada” de agosto de 1932, poñendo en cuestión o resultado democrático das eleccións de febreiro ou insistindo no ambiente de terror no que vivían os católicos para xustificar actitudes como as da denominada Dereita Galeguista risco-filgueiriana.

Este razoamento revisionista inspira a  corporación da recente creación administrativa, non lexitimada polo corpo electoral, de Cerdedo- Cotobade, a pretensión de equiparar a quen provocou unha ditadura de corenta anos con quen defendeu os dereitos e as liberdades democráticas homenaxeando a “todas as vítimas”, terxiversando o feito de que todas as persoas asasinadas no territorio galego defendían as liberdades e que todas as que morreron no campo de batalla son vítimas do golpe de Estado de xullo de 1936, e ocultándose baixo a aparencia dunha homenaxe “neutral”, unha neutralidade que equipara vítimas e verdugos. Quizais facilite a comprensión desta proposta lembrar o xuízo contra o historiador Dionisio Pereira auspiciado pola familia dun alcalde franquista considerado como un dos responsábeis da barbarie na localidade.

Lembrounos tamén, de xeito acaído, a profesora Carou que deberiamos coidar un pouquiño a linguaxe e na vez de referirmos aos asasinos co eufemismo xurídico de vitimarios, deberiamos referirnos a eles como o que na realidade foron.


Venres, 30 de xuño de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario