Sorprendeume
a forma de colocar o pano, tan basta, como con desleixo. Cando nós faciamos de
Jesse James, de Billy O Neno, de Sundance Kid ou de Butch Cassidy procurabamos
aquelarnos ben o pano, case tapando os ollos, para que os do shériff non nos recoñecesen.
Ata
nunha ocasión, no meu ánimo por delinquir, puxen tan alto o pano que tapei os
ollos ao mesmo tempo que lle dicía a un meu colega foraxido: ti vai por alí que
eu sáiolle polas costas! Co entusiasmo e os ollos agochados nin me decatei de que
ás miñas costas, non ás dos outros, estaba o artificial cavorco dunha obra en
construción. Caín e partín un brazo. Botei días cun pano agarrando o cóbado
escachado e co outro tapando os nefres e a boca, xa non os ollos, cumprindo,
con ardor, o meu labor de foraxido.
Por
iso cando vin os números da Garda Civil entrando na sede do poder lexislativo
de Cataluña cuns panos negros medio tapando a cara, cubertos cunhas gorras de
béisbol e cadansúa mochila lembreime de cando xogabamos a asaltar trens no noso
farwest adolescente. Pareceume cousa de nenos.
Que
xuíz, mando policial, ministro, presidente dirixe esta pantomima?
Realmente
pensan os poderes do estado que van resolver o problema, o desafío din,
cunha táctica tan simple como asustar
con gardas civís disfrazados, ameazar con cortarlle os diñeiros acordados, encarceralos
se mercan furnas, aburrilos ata que abandonen?
O
engano do goberno de Zapatero e o
cepillado do estatuto aprobado polo lexislativo catalán inflaron as velas do
independentismo. Unha derrota aberta da proposta soberanista, non recoñecendo o
referendo e provocando o adianto electoral, aínda que remate coa derrota
política dos nacionalista, provocará, en poucos anos, o rexurdir do
independentismo dun xeito definitivo.
A
remodelación dos estados que se produciu nos estados do leste europeo na década
dos noventa, tras a caída do muro e a implosión da Unión Soviética,
trasladouse, co novo século, a Europa Occidental. Irlanda do Norte, Escocia e
Cataluña son a súa expresión máis salientábel. Haberá máis.
Pensar
que as reclamacións democráticas que cuestionan as estruturas dos vellos
estados-nación se resolven xogando a policías e ladróns só se lle pode ocorrer
a aqueles imbuídos dunha concepción do estado como a vontade da única nación
española semellante á de aquel que
identificaba o estado consigo mesmo. Despois veu 1789.
Venres,
21 de xullo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario