Rebelde sen causa (1955), James Dean e Natalie Wood. |
O
primeiro de outubro achégase silandeiro. O ruído permanente parece afastar a
data nun “de aquí alá”, mais a obxectividade cronolóxica segue disolvendo as
follas do calendario. É ben certo que nos espera aínda un setembro quente que
agardemos o siga sendo só no papel prensa ou nas imaxes coloridas.
Non
sei moi ben que referencia cinematográfica tomar como representación desta
España atormentada. Propoño dúas.
Lembran
a escena da carreira de coches que filmou, como tantas outras, maxistralmente
Nicholas Ray, na que un agoniado James Dean
guiaba descentellado o seu Mercury en competencia co outro mozo, despois de que o rebufo de ambos os
automóbiles lle axitase as saias á toliña de Natalie Wood? O mozo da cazadora vermella acababa
guindándose pola porta antes de esnafralo, mentres Sal Mineo sufría desesperado, e ao seu contrincante enganchábaselle
a mangada “chupa” na panca de apertura da porta e remataba
gañando o desafío pero tamén coa vida. Era aquela mocidade apesarada de Rebelde sen causa (1955). Nesta referencia
só temos que agardar a saber quen é Puigdemont e quen Rajoy. Non parece sinxelo
deducilo polas aparencias, nin un político, nin o outro, se poden comparar con
James Dean ou co seu competidor automobilístico do que non lembro o nome.
Ocorréseme
outra referencia posible , que don Mariano e don Carles muten, tampouco é doado
imaxinalo, e non só pola imposible amizade, en Thelma e Louise e a bordo dun
Ford Thunderbird se chimpen por un cavorco como facían Susan Sarandon e Geena
Davis no filme ideado por Ridley Scott (1991).
Ambos
personaxes, os políticos, teñen o final
próximo e nidio, un, ou os dous, rematarán soterrados no fondo dunha engroba, é
un dicir, baixo o peso das súas decisións.
Un
hai xa tempo que esgotou as posibilidades de retorno. Ao outro acabáselle a
marxe e, aínda sendo especialista en agardar a que as decisións as tomen outros
para non equivocarse, neste caso, e en chegando setembro, terá que tomar
algunha caste de resolución, máis alá dos recursos legais.
No medio
fican outros protagonistas. Os hamletianos de En Comú que “Ni contigo ni sin
ti/Tienen mis males remedio/Contigo, porque me matas/Sin ti, porque yo me muero”
cantaba alguén hai anos. Os comúns seguen tan románticos e indecisos. A
ambigüidade ten un prezo, e ademais é imposible de manterse na indefinición
permanente. Nin Rajoy é quen de facelo. Así que augúrolles uns meses difíciles,
estarricados por uns polas pernas e por outros polos brazos; as posibilidades
elásticas dun corpo novo son moitas, pero teñen un límite. Semella que o líder
madrileño anda xa a urrarlle aos cabalos.
Fica
o outro gran protagonista, salvado polas bases cando estaba xa contra a lona.
Ten que propoñer e non sabe que. Con un non vai ir, co outro non pode. Abanear
o pano para a saída da carreira é insuficiente para quen pretende gobernar
España.
Once anos
despois de cepillarse o “estatut” aprobado polo Parlamento de Cataluña, por 120
votos a favor e 15 en contra (os do PP), o réxime do 78 está ante a proba do
algodón. Os que din querer rematar con el, tamén.
Martes,
4 de xullo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario