martes, xullo 18, 2017

Franco del Carro


Franco
Moisés del Nilo
Reino del Altísimo
y de la Gloria
Franco del Carro

Foto: Fernando Bellas
O amigo Antón Seoane anuncioume un agasallo. Matinei nun libro, así foi; se fose un disco xa sabería algo. A próxima vez que nos vexamos levareiche un exemplar, colaboro nel cun breve recordatorio “da miña intransferible cidade de Conxo!”, pero non é un libro sobre o psiquiátrico senón sobre un personaxe da Compostela daqueles anos: Franco del Carro.  Lémbraste?.

Como non me ía lembrar. Todos os que viviron na Compostela do remate da década dos setenta seguro que se lembrarán del. Un daquela xa estaba marchando, pero aínda así, cando volvín ouvir o nome de Franco de Carro, as rúas, cafeterías, amizades, aulas, libros...  a súa estética de vagabundo, o cabelo embastecido, vestido de negro, nin esfarrapado, nin sucio en exceso... un cento de madalenas de Proust acugularon ollos, ouvidos, boca e calquera area sensíbel para o recordo.

Aquel momento glorioso para toda unha xeración universitaria, intre no que coidabamos que todo se podía mudar; tan grandes mutacións desexabamos que pariron un ratiño, a transición e a súa constitución que os medios de comunicación engrandecen co permanente título de“modélica”, pero a que, por fortuna, se lle está a esgotar a mecha. Unha xeración que vivimos en Compostela a morte, na cama, do ditador e o desmantelamento da ditadura polos de arriba, iso si, ben premidos polos de abaixo.

Unha xeración agoniada pola violencia do espernexo final do ditador e o seu réxime. Algúns chegamos un pouco despois do asasinato na ponte das Pías de Amador e Daniel, aquel 10 de marzo de 1972; coincidimos coa morte na madrugada de Chema Fuentes baixo os disparos dun inspector policial (1973); ouvimos o renxer do garrote vil rompéndolle o pescozo a Salvador Puig Antich en marzo do 1974; sentimos os disparos, “meu amor un corpo no chan” cantaba Antón Seoane (antes e despois de Milladoiro), furando o corpo de Moncho Reboiras (agosto, 1975); pouco máis dun mes despois abaneamos na madrugada (Al alba, al aba,...  dicía Aute) aterrorizados polos fusilamentos do 27 de setembro. Respiramos o vinte de novembro, pero o réxime seguía a espernexar en Vitoria, en Atocha, no estado de excepción en Euzkadi, mentres algúns estraños atentados botaban leña ao lume.

Todo isto vén nun libriño, moi ben editado, por Chan da Pólvora (2016), Insolúbel.Franco del Carro no que se recollen os textos daquel personaxe coñecido por tal imaxinario apelativo que encheu as paredes lisas da Compostela de 1979 duns textos proféticos, encriptados, apocalípticos... de coidada caligrafía e que agora editou Emilio Araúxo. O pequeno volume complétase cunha rememoradora  introdución de Antón Lopo; un relato das contornas a cargo de Manuel Rivas, Antón Seoane, Rafael Araújo Álvarez e Suso de Toro ao que acompañan imaxes dalgúns toliños composteláns e outros persoeiros da época.

Sábado, 15 de xullo de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario