domingo, xullo 30, 2017

O arcebispo que comía as pavías enteiras

Veño de escoitar unha breve charla da amiga Camiño Noia sobre a Ilustrísima casariana na Libraida  gondomaresa. Segundo ía falando a profesora o relato revivía no meu maxín, en especial por terlle escoitado ao autor, en varias ocasións, a descrición do arcebispo cubano que inspirara, de lonxe, o bispo ourensán tanto no aspecto físico como nas incertezas, dúbidas, medos, temores, debilidades e resistencias a unha beira e a outra do arco ideolóxico. Unha desas conversas ficou gravada e editada en CD nun monográfico sobre Casares da Revista de Estudos Miñoráns (2003).

Como é sabido, o inspirador da bondadosa figura eclesiástica, que vai perdendo as ganas de comer ao longo do relato, foi o arcebispo de Santiago de Cuba e primado da Igrexa de Cuba,  dende 1949 ata o seu falecemento en 1968, Enrique Pérez Serantes. Naceu en Tui e formouse no Seminario ourensán, do que, un día, Casares sería tamén alumno para ser arcebispo como o seu admirado familiar que os visitaba cada catro anos, impoñente con cruz, faxín, solideo e rodeado de absoluto respecto.

Sendo Casares un mozo, sobre uns dezaoito anos, a destacada figura arcebispal virouse en atractiva e admirada. Primeiro por ser un home gordo, comellón, ao que lle gustaba falar da comida e sobre todo gozar dela e que, nun xantar, o mozo que sería escritor contrapuxo a un  cóengo fino, magro, antipático, sectario e soberbio que renunciaba ao pracer da comida.

Naquela conversa gravada, Casares describiu a Pérez Serantes e o seu goce pracenteiro dicindo “recordo que metía as pavías enteiras na boca”. Aquela frase lembroume a meu pai que sen ser avaricioso na comida gustaba de comer ben e facía o mesmo coas pavías do Varón, que tanto gababa Cunqueiro, e que con fonda tristura tivo que deixar de papar cando comezaron a escasear polo  incomprensíbel desleixo no coidado e aproveitamento das árbores froiteiras que como un andazo se estendeu, dende hai décadas, polo país.

En segundo lugar, por ser, cando menos no inicio, simpatizante do castrismo e mesmo por encabezar a presión sobre o réxime batistiano tal e como contou o mesmo Fidel Castro no seu libro de conversas con Ignacio Ramonet (A miña vida, Xerais,2007): “O arcebispo de Santiago de Cuba, monseñor Pérez Serantes, comezou a actuar xunto a outras personalidades , para tratar de salvar os superviventes do asalto”. Tras o fracaso do asalto ao cuartel Moncada, Pérez Serantes intercedeu polos fuxitivos e dispúxose como garante das súas vidas o que lle permitiu participar no traslado de Fidel dende o lugar da súa detención ata Santiago de Cuba, impedindo que fose asasinado.

Articulista en prensa cunha fonda preocupación social dende novo, o arcebispo apoiou o “Movimiento 26 de Julio”. O seu compromiso quedou reflectido tanto nunha gran cantidade de escritos e chamados como en que, na noite do primeiro de xaneiro de 1959 en Santiago de Cuba, tomou a palabra,  acompañando a Fidel no balcón da casa do concello, situado fronte á  catedral que tiña as portas abertas para que o líder guerrilleiro puidese ver o sagrario en todo momento.

As relacións co réxime revolucionario mudarían pronto e a partir de invasión de Baía de Cochinos, abril de 1961, tornaríanse en enfrontamento que mesmo chegaría á  detención do arcebispo durante unhas horas.

En 2012 publicouse o traballo de Ignacio Uría, Iglesia y Revolución en Cuba. Enrique Pérez Serantes (1883-1968) na editorial católica Encuentro. Seguro que Casares gozaría sabendo máis sobre o seu arcebispo favorito, inspirador das infantís pretensións de facer o mesmo traballo cando fose maior, alentadas pola súa nai e a súa extensa familia clerical, aínda que para iso tivese que manter un equilibrio semellante ao do bispo ante as presións integristas contra Barbagelata e o seu cinematógrafo.

Verei se teño xeito de o ler para resumirllo ao Casares.


Xoves, 27 de xullo de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario