luns, xullo 24, 2017

Sísifo 25

Sísifo.
Tiziano. 237x211. Museo del Prado, Madrid
Non sei se soa, o título, a bebida destilada, a discoteca sesenteira ou a orquestra pachangueira. Mais refírome con el a asuntos sisudos da mitoloxía clásica e aos mundanos do fin de curso político que se representa cada ano, dende hai décadas, na rúas da Compostela inzada de espirituosa mocidade festeira e de turistas espiritualizados polo camiño e/ou polo apóstolo.

Ben coñecen a historia. Tanto a do ritual partidario dunha nación, un partido (ou fronte), un día (unhas horas) de maioría social na Quintana como a do apesarado rei de Corinto a quen os deuses (dito así para agachar ao cabrón de Zeus que andaba sempre con estas cerelladas) castigaron ao absurdo de empurrar cara aos ceos un pelouro ben grande que antes de chegar ao seu destino recuaba ao inicio, estragando o labor. Unha e outra vez tiña que repetir a frustración eterna.

Esa mesma sensación foi a que me quedou, hai xa tempo e que agora rememoro, despois de rematar a lectura de Historia mínima de Galicia (Turner, 2016) de Xusto Beramendi, ao que un meu amigo lle cambio o título polo de “A frustración dunha nación en menos de trescentas páxinas” e que recomendo tanto ás persoas que se reclaman da nación e estean acoirazadas contra o fracaso das expectativas como a aquelas outras que simplemente queiran saber da historia dunha nación que non foi.

Camus gustaba de empregar a Sísifo como o  símil do absurdo da vida, do infortunio sen fin, dese retrouso permanente, dese “déjâ vu” constante, desa reiteración do 25 na praza dos mortos, desa ilusión de acadar a cima entre a neboeira, dese fallo do hipocampo (da memoria) a que se refería esta tarde o amigo Antón Seoane na celebración miñorá do día da patria.

Mais o Camus, que non renunciaba á  liberdade, imaxinaba un Sísifo feliz, co corazón enchido na súa loita permanente cara ás alturas. Cada quen pode poñer nelas o móbil do desexo: o amor, a sabedoría, a construción da nación..., ou todas xuntas e, ao tempo, acadar a condenación eterna dos deuses-elites que terán que estar en permanente vixía para castigar a Sísifo.

Non vaia ser que nun despiste chegue a colocar o callao na cima.

Sábado, 22 de xullo de 2017



Ningún comentario:

Publicar un comentario