Foto Xoaquín/Libraida |
Carlos
Velasco (Galiza na II República, A
Nosa Tera, 2000) cualificou a II
República como “o primeiro réxime democrático, no senso liberal-burgués, da nosa historia”. Bernardo Máiz comparte a
idea e debúllaa un chisco (Amada García e
os seus arredores, Embora,2017): “Nas eleccións a deputados de xuño de 1931
gañaron claramente as eleccións que trouxeran a República (...) gobernando ata
fins de 1933 partidos burgueses de centro-esquerda que miraban cara ás democracias
parlamentarias europeas, uns políticos modernizadores, comprometidos coa
educación, dispostos a impor
neutralidade política ao exército, a modificar a estrutura territorial, a
separación igrexa-estado.”
Estou
convencido de que aquel foi un dos escasos momentos nos que en España, no senso
de estado-nación liberal, as cativas elites do nacionalismo español liberal foron
quen de comprender que para asentar un réxime progresista tiñan,
necesariamente, que esgazarse da matriz monárquica e recusar a hexemonía
ideolóxica do nacionalismo español, conservador, católico e autoritario.
Fracasaron. Foron derrotados pola revolta antidemocrática destes últimos, as
armas franquistas achegadas pola Italia de Mussolini e a Alemaña nazi, o negror
fascista emerxente e estendido pola Europa de entreguerras e a impericia das
esquerdas, e en xeral dos progresistas, para construír procesos de conxuncións
e ordenar prioridades.
Disto
falamos hai algúns meses con ocasión da presentación da novela de Xaquín
Fernández Leiceaga: Agosto de memoria e
morte (Xerais, 2015). Novélanos o autor a derrota das escasas elites
progresistas na súa Noia natal, a formación dunhas novas a partir dos mozos
“en-fasticizados” no breve período (1933-1936), a súa consolidación no poder e
enriquecemento persoal tanto nos anos da guerra como nas décadas
posteriores. O mesmo Leiceaga comentábanos que a súa intención era facer un
relato sobre a construción do poder durante o franquismo. Os protagonistas da
novela son mozotes en 1936; nos
primeiros setenta están en retirada e na
procura da perpetuación das elites. Iso será, na miña opinión, o que é a
“modélica transición”.
A
miña xeración, que é a de Xocas, aínda que este sexa uns cantos anos máis novo,
é tamén a dalgúns máis vellos ca min;
aquela que viviu o seu momento fulgurante entre os finalismos sesenta e os primeiriños oitenta non foi quen de
ocupar o territorio dirixente no noso país. Un proceso pouco homologábel cunha
“xeneralidade española”, por certo bastante máis complexa que a dos
eufemisticamente chamados “medios nacionais”; non me refiro só ao consabido “diferencialismo”
catalán ou vasco, senón tamén á ocupación de teóricos espazos progresistas por
elites formadas no conservadorismo e, en
especial, no nacionalismo español, por exemplo en Estremadura e Andalucía.
Vindo
ao noso. Van alá corenta anos das eleccións de 1977, que se converteron en
constituíntes. En 2021, outubro, cumpriranse as catro décadas da elección do
primeiro Parlamento Galego. Podemos facer múltiples lecturas do proceso que vai
dende o asalto ao poder dende as cloacas da moral por aqueles mozos noieses dos
que nos fala “Xocas” Leiceaga ata o limpo desodorizante co que perfumaron o
relevo de 1978.
As
contas son as contas. Oitenta anos despois da derrota e exterminio das elites
liberal-progresistas republicanas, unha acción modernizadora non foi quen de
facer máis que tímidos xestos tanto no
breve interregno de González Laxe como no mandato de Pérez Touriño
abaneado este pola crise, a impericia, as desconfianzas entre aliados, as miradas
de esguello dentro dos partidos gobernantes e, nos dous casos, pola
conspiración do nacionalismo español conservador e católico disfrazado de
progresista.
Hai
unha nova xeración que está a vivir o seu “momento de esplendor”. A algúns xa
os colle un chisco maiorciños, será pola eternización dos procesos formativos e
de emancipación?. Non sei se iso explica certas pulsións autistas centralizadoras
e inmediatistas. Gustaríame que matinaran un chisco na frustrante experiencia
da xeración dos setenta, non para imitar os seus defectos, senón para aprender
algunhas das súas virtudes, como a do compromiso que os daquela mozos aínda
seguen a manter hoxe en moitas ocasións. Non sei se será va a ilusión. Ao peor
o momento fulgurante xa rematou.
Foi
un pracer falar co Xocas sobre a súa novela e, despois de tantos anos, poder
saudar a Pepa e lembrar aqueles enérxicos días composteláns.
Domingo, 2 de xullo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario