venres, xullo 21, 2017

Volveu acontecer

O malandro escaravellou coa tarxeta, pinou a porta e bateuna co ombreiro cargado o peso do corpo; recuncou varias veces coa xogada..., cambiou de tarxeta, repetiu o golpe con toda a forza e a pechadura cedeu. Levaba tempo vixiando a vivenda, ben sabía que ninguén a habitaba e que, a primeira hora da mañá, case todo o edificio estaba baleiro. Non se coutou moito en non facer ruído. Cando sentiu que a porta cedía, deixouna entreaberta; guichou pola caixa das escaleiras, agardou un nada e volveu á vivenda. Aínda que sabía que non había ninguén, entrou con tino; abriu a porta do salón, mirou na cociña e ao traspasar a porta de acceso aos dormitorios, deu un chimpo de terror. Había un cadáver disecado no medio do corredor!.

Nin se achegou. Pillou a porta e baixou polas escaleira pillando os chanzos de tres en tres; nunha reviravolta case se esnafra pero a pesar da intensidade do impulso foi quen de endereitar o corpo e evitar a caída. Nuns segundos estaba no vestíbulo do edificio. Detívose no recanto das caixas de correo, alisou o cabelo, estirou a camisa, respirou profundo, mirou ao chan, deixou uns segundos, abriu a porta e saíu á  rúa con sosego, poñendo cara de ir matinando nas súas cousas.

Virou a esquina do edificio. Catro rúas máis abaixo subiu ao estartelado Ford Fiesta e dirixiuse á cala dos Frades, o seu lugar de meditación e onde, ás veces,  se bañaba. O día avanzaba coa intensidade da luz. Regresou ao coche, volveu á vila, apañou o telefono na cabina:

- No edifico tal, da rúa tal, na planta tal, na vivenda tal hai un home morto, momificado, pero eu non lle fun, eh!.

As persoas avisadas saben que isto, fóra  dalgúns detalles, máis ou menos debeu ser o que lle pasou ao malandro que atopou un cadáver dun home de noventa anos, momificado nun piso de Cambre. A realidade é sempre máis farturenta que calquera imaxinación, por moi desbocada que esta sexa.

O cadáver seica levaba sete meses. Era un home solitario que non se levaba co fillo nin coa veciñanza. Esta coidaba que se fora polo Nadal á  aldea natal de Castela. Polo que se ve regresou e ninguén soubo nada del. Seica unha tempada cheirou un pouco, pero non moito, dixo un veciño.

Sociedade con non moi boa saúde, onde os malandros atopan cadáveres momificados.

Martes, 18 de xullo de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario