Acougo
na cadeira literal da mesa metálica. Demando unha caneca de loureiro, fresco,
non frío, un par de bolinhos de bacalhau, outro de pataniscas e uns rissois de
camarão. Agardo na esquina da praza, no punto máis elevado, ollando o branco
teclado dun dos dous negros pianos sobre fondo azul. O oblivionis flumen esparexe
unha tona húmida que ben podería gardar para si. Adianteime consciente da
similar importancia da visión e da comodidade para escoitar.
Aos
poucos as cadeiras vanse ocupando e a praciña coroada por un reloxo de sonoros
sinos, enchendo. Debussy alterna con Chopin, intercalando composicións dos
pianistas. A beleza superponse aos estandartes abatidos das lexións do xeneral
que nos nomeou e alustra a espadana da igrexa tardo-románica.
Un
par de mulleres escoitan de pé. Non
sabería dicir se unha é filla da outra ou se son irmáns. Á máis vella, xa
maior, delgada, hai tempo que as curvas lle desapareceron. Goza da beleza serena da
madurez entrando na vellez. As engurras no rostro confirman os anos vividos. Os
dedos que seguen descoidados o ritmo de imaxinarias teclas confirman décadas de
caricias. De cando en vez entorna o rostro para falar, tan baixiño que nin dou
adiviñado o idioma; seguramente son nórdicas. A media melena loura, a tez clara,
o nariz en ángulo recto, os ollos verde claros que rin, queren confirmalo.
Retorna
Debussy. Un home maduro, entrando na vellez, colócase a poucos metros , á
esquerda das dúas mulleres. Alto; aínda conserva parte da fortaleza muscular
que debeu ter non hai moitos anos e un basto cabelo negro. O rostro e as mans
que imitan o tinguilear da muller anuncian unha idade semellante.
O
rostro claro, medio oculto polo cabelo alourado, vira a cara á dereita. De súpeto os ollos que rin collen
vida e nerviosos desvíanse cara ao escenario. Aos poucos regresan á esquerda,
xusto no momento no que o mato negro da cabeza masculina vira cara á dereita. Os ollos atópanse nun tris tras do
aire para regresar adolescentes ao fondo azul que protexe instrumentos e intérpretes, da humidade que vai en aumento.
O
disimulo dura varios minutos. Co gallo dun aplauso retornan os ollos á esquerda
e a mirada á dereita, saltan faíscas
verdosas nunha marxe, incandescentes negrores na outra; mantéñense uns segundos
e, agora, lentamente retornan ao pano cobalto. As idas e vidas a esquerda e
dereita repetíronse no pouco tempo que ficaba do concerto por mor dun cansazo
de pernas, por mor de estirar as costas, por alisar o cabelo, por colocar o
foulard no pescozo...
As
xentes embocan as rúas que converxen na praza. O home alto de cabelo negro diríxese
con pasos pousados cara á rúa máis
elevada; ela permanece falando baixiño coa súa filla - irmá. El detense na
altura da praza e olla abertamente para ela que repasaba as súas costas. As
miradas mantéñense durante longos segundos. Mesmo parece que el vai regresar ao
centro da praza, pero non, xira en redondo e abandónaa. Os ollos verdes
regresan ao chan, despois á conversa e rematan nos pianos negros.
Baleiro
a caneca mentres a praza fica sen alma.
Xoves, 20 de xullo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario