martes, xullo 18, 2017

A brutal diferenza entre Amada e Xosefina

Concordaban no primeiro apelido. Xosefina era máis vella, nacera en Compostela co século pasado; Amada nove anos despois en Mugardos. A compostelá estaba casada co mestre de Forcadela (Tomiño), Hipolito Gallego Camarero; a mugardesa co carpinteiro, Gabriel Toimil Dopico, do Arsenal de Ferrol.

O mestre foi asasinado e brutalmente mutilado o cinco de outubro de 1936 nas proximidades do concello de Mondariz xunto a outros baixomiñotos: o comerciante de Amorín, Manuel Piñeiro Zúñiga; Francisco Rodríguez Otero “Paquiño de Figueiró”; o cerralleiro de Caldelas de Tui, Domingo Paramos Núñez, e os veciños de Guillarei, Manuel Pérez Besada e Fernando Rubio Estévez.

Amada García Rodríguez
O carpinteiro prendérono, pouco despois do golpe, o mesmo día que a Amada. A ela ceibárona, rapáronlle o pelo, fixéronlle traballar carrexando pedras para o peirao; volvérona prender, ceibárona; volvérona prender e procesárona por “rebelión militar”. A el soltárono ao final daquel ano de infausta memoria, pero volvérono encarcerar despois do auto de procesamento da muller; un mes despois deixárono ir e nunca o volveron prender.  Documéntao exhaustivamente Bernardo Maiz no seu Amada García e os seus arredores (edicións embora, 2017.

As dúas xulgáronas por “rebelión militar”. Amada estaba embarazada; deixárona parir, condenárona e fusilárona. Xosefa non estaba preñada, simulouno, ao igual que o aborto; salvou a vida.

Probablemente houbese unha diversidade de factores que influíron en resultados tan diferentes. Pero, no meu ver, a solidariedade humana con Xosefina salvoulle a vida. No de Amada non teño elementos de xuízo.

O armadanzas da salvación da tomiñesa foi o avogado e alférez de complemento Xosé Queizán Hermida, pasante de Valentín Paz Andrade, con quen ideara con anterioridade estratexias salvadoras de represaliados.

Queizán, pai da escritora, agarrouse á insinuación da Segret de que sospeitaba que estaba embarazada, como a un cravo ardendo. Empregou este feito non ante o tribunal senón ante algún xefe militar e dese xeito logrou o indulto para a súa defendida, condenada a morte. Insinuou, ante un coronel, a posterior solución: “vostede tranquila, non vaia abortar”. Os militares caeron na trapela e coa imprescindible colaboración de  Darío Álvarez Blázquez que certificou o embarazo de Xosefina e a do tamén doutor tudense Abraldes, na segunda opinión esixida polo tribunal militar conseguiron salvarlle a vida. O posterior aborto foi máis doado de representar.

Xosefa García Segret
Xosefina escollera como defensor ao pasante de Paz Andrade non por casualidade senón como resultado do cruzamento de diversas informacións, entre as que fora definitiva a opinión de Urania Mella. Sabía ben que era un dos poucos que reunía as condicións de militar e avogado e dos que, aínda menos, podían colaborar na argucia que tiña imaxinado para salvar a vida.

Xosefa Segret andou por penais e cárceres ata marzo de 1944 en que foi posta en liberdade. Moitos anos despois publicou un libro Abajo las dictaduras! (edición da autora, Vigo, 1982) no que relata os seus ires e vires polos cárceres de Franco, nel inclúense  gabanciosas palabras a Queizán (falecería pouco despois na fronte) e unha carta de agradecemento a Darío Álvarez Blázquez que este conservou entre os seus papeis e no que anotou: “A esta mujer, que estaba condenada a muerte, le salvé la vida diagnosticando un embarazo. La indultaron y después “abortó”.

Venres, 14 de xullo de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario