Foto: Xoaquín/Libraida |
Regresa
P. Feijoo cos protagonistas da súa primeira novela, Mariña e Simón, dous
personaxes cribles tanto na súa vulgaridade diaria como no dinamismo heroico. Ela, unha
licenciada en Historia da Arte, un chisco malhumorada e moi mandarica, guapa e
decidida. Simón, un arquitecto rexoubeiro e atrevido só para ir detrás de
Mariña, ata o memento xusto en que a ten que salvar e que chegou tarde ao
reparto de dividendos da burbulla. El, Simón, é o narrador de tres dos cinco
capítulos da novela. Os outros dous, construídos sobre senllos documentos
redactados por contemporáneos dos feitos, desenvolven a trama histórica.
Os
protagonistas presencian o asasinato do alcalde vigués, César Escudeiro, o día mesmo
da festa da Reconquista e cando este, nun atrevemento propio dun ególatra, vai
representar o mesmísimo Vázquez Varela.
O rexedor está enleado nunha trama urbanística na que tamén participan outros membros
da elite viguesa integrantes da Confraría do Cristo da Vitoria.
Dicía
onte que non se trata dunha novela histórica senón dunha novela que emprega
material histórico. Por fortuna, Os
fillos do lume nunca perde o ton do relato de ficción, a diferenza dalgúns bastante frecuentes na literatura
galega que se moven nos terreos lamacentos da indefinición e nin son novela nin
tampouco historia. Non son novela porque a trama ficcional é débil e desatendida por centrarse na descrición
exhaustiva do momento histórico ou de detalles marxinais (vestimentas, dicires,
instrumentos, vexetación...) e non son historia porque non empregan nin as
técnicas nin o aparato crítico e bibliográfico propio desta disciplina. Fican
no terreo de ninguén.
Insiste
Pedro Feijoo nunha literatura de diálogos rápidos,espelidos, enxeñosos, de
acción e divulgación histórica coa manifesta intención de gañar lectores para a
literatura, e para a literatura galega. Para iso retorna ás claves da súa
primeira novela Os fillos da auga
(Xerais, 2012), que en certa medida continuou con A memoria da choiva (Xerais, 2013) afastándose do exceso
histriónico de Morena, perigosa e
románica (Xerais, 2015).
Que
prenda o lume lector.
Xoves,6 de xullo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario