Robert Capa. Morte dun miliciano, 1936 |
A
memoria é subxectiva, está sometida a unha rememoración (non a unha
deturpación) constante, individual ou grupal e xa que logo a unha reelaboración
permanente. A memoria non é historia, senón un dos materiais para elaborar a
historia.
Estas
afirmacións poden ser mal interpretadas polos activistas da memoria vivos; por
aqueles que conservaron a fonte primixenia para reconstruír os datos da brutal persecución que os militares-fascistas
exerceron sobre os leais á orde democrática. Poden ser interpretadas como unha
desconfianza, como un manter a distancia ante a súa “verdade” gardada durante
anos de silencio; ata poden ser consideradas como unha falta de respecto ou
desconsideración. Ben lonxe fica a nosa intención.
A
permanente reelaboración da memoria, a adecuación da mesma á realidade
subxectiva, dá lugar a erros de vulto, como o de quen nos aseguraba que vira,
falara e xogara, con tal ou cal personaxe represaliado, ata que tivo que
admitir que cando o mataran el acababa de nacer e polo tanto non podía
lembrarse del, nin das conversas e xogos; ou do fillo dun asasinado que
insistía que o mataran en febreiro de 1936, varios meses antes do golpe de
estado. Quere dicir que ambos mentían, pretendían enganar?; non, simplemente
estaban a rememorar conversas, informacións escoitadas a familiares, ben fose
entre disimulos ou en reiterados relatos, que rematan por axeitar os feitos ao
que lle parece adecuado aos relatores. Nese proceso de adecuación o relato
tende a “humanizarse”, a “mitificarse”, a afastarse do feito histórico.
Viñéronme
estas cousas á cabeza tanto porque mañá vou presentar o libro de Bernardo Maiz
sobre Amada García en que nos descobre como unha muller militante vai ser
transformada nunha mociña bordadora que pagou as culpas do home e de pertencer
a unha familia de esquerdas, como polo retrouso do caso doutro personaxe de
Ferrolterra, José Rodríguez Brage, “O Luxo”, de Cabanas, asasinado en
Vilarmaior, seica tras a denuncia da muller
da que se estaba a divorciar. Nos dous casos a memoria adáptase a unha lóxica
mítica, a da muller contemplada dende a ideoloxía patriarcal, ben como unha
pobriña que nada podía facer ou dende os celos vingadores dunha muller
abandonada.
A
desconfianza ante as fontes debe ser a actitude do historiador, o seu cinto de
seguridade, pero non só ante as orais, ou memoriais, senón tamén ante todas as
fontes escritas, dun xeito especial na historia contemporánea. Ata os datos
máis aparentemente obxectivos poden estar alterados nunha causa militar, nunha
nova do xornal, nunha acta de defunción, nun escrito memorialista ou nunha
reportaxe fotográfica.
Quen
non se lembra das falsidades de Enric Marco e outras falsas testemuñas do
holocausto ou as dúbidas sobre a famosa foto do miliciano morto de Capa?.
Mércores,
12 de xullo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario