venres, xullo 07, 2017

Ulrike no MARCO


“Somos metáforas de nós mesmos?”,  preguntou con pólvora Ánxel Huete, en 2005, na Luís Seoane. Recórdao Agar Ledo, comisaria de Unha revisión crítica, a retrospectiva do artista no MARCO. Recólleo Pepe Cáccamo nas súas As artes da vida de Ánxel Huete (Laiovento, 2017). Unha precisa conxunción: libro e exposición.

Armado co retrato do amigo artista que escribiu o poeta accedín ao vello cárcere vigués. Virei para a esquerda, continuei ata o fondo para comezar pola derradeira das salas e seguir unha orde case cronolóxica desta reviravolta da memoria da vida creadora e de compromiso. Ollei curas e sátrapas, cepos, cadeiras eléctricas e outros aparellos torturadores recortando o espazo e batín coa lousa de Franco, esquivei surtidores e observei o  A de amigo ausente e tamén de Atlántica e ollei como o artista  se esluía, esvaraba polo lenzo, ocultábase,  rememorando Dubrovnik ou  Ruanda, tornábase invisíbel.

Mais alí estaba ela, Ulrike, no medio do negror, da derrota confirmada dunha xeración, dende que lle meteran tres tiros nas tempas a Rudi Dutschke, da dor infrinxida e recibida, da tortura nos democráticos cárceres occidentais erguidos para aferrollar a disidencia e provocar/executar o suicidio. Alí estaba Ulrike como nos lembra Cáccamo que dixo Ferrín nas magnolias e a pólvora interrogadora de Huete: “e dos que foron mozos sen arrebato /somentes sobrancea Ulrike/ para sempre monumento/ Ulrike Meinhof”.

“Seremos sempre sinais que constitúen indicios dun tempo concreto,marcas dunha época cultural, signos do pasado” recórdanos Agar Ledo que anotou o artista hai tempo. Máis de trinta anos antes de escribilo, esbozara os retratos dos mozos da ETA xulgados en Burgos e que portan os manifestantes polas rúas berlinesas. Argúe previamente o artista no breve escrito:  “Propuxen (...) unha idea relativa á inefabilidade da práctica artística, un pensamento dirixido á reflexión de como na arte, tanto na cultura en xeral como na propia vida, cada individuo, creador ou non, obedece a unha interpretación do mundo íntima e persoal, construída nun período de tempo preciso e concreto, que se corresponde con algún acontecemento ou situación singular e transcendente.”

Percorrín as salas e ollei a permanente reinterpretación, os novos códigos, os máis actuais, a pertinencia dos mesmos, a contención dunha serie, o enceto da nova, o esforzo por avanzar, por revisar, pero sempre brotaba Ulrike e as rúas de Berlín.

“E a experiencia de xuventude, que vai representar a emancipación intelectual definitiva, semellante ao momento glorioso de acadar a madurez mental, constitúe a definición dun marco conceptual que aínda ao noso pesar gobernará o noso futuro en asuntos de comprensión e interpretación artística, cultural, política, social, etc.”, escribiu Huete en 2005.

Xoves, 29 de xuño de 2017



Ningún comentario:

Publicar un comentario