Seguen
a rebulir dous libros sobre “toliños” que viron a luz no pasado 2016. Ambos de
factura ben diferente. Un, a novela de Antón Riveiro Coello, A ferida
do vento (Galaxia, 2016), recupera, elabora ou reelabora unhas cantas
personaxes viradas polo vento, suponse que do Larouco que aterece as terras
limiás, aínda que tamén podería ser, naqueles tempos, polo permanente croar das
ras na lagoa ou, se seguimos a Risco, por beber de sete fontes; aínda que un
sexa máis partidario da tese oteriana que responsabiliza o licor-café de tanto
aventado, cando menos nas terras ourensás.
Ao
outro referiámonos onte. A recuperación dos textos que Franco del Carro
imprimiu sobre as brunidas paredes dos edificios da parte nova de Compostela
que fixo Emilio Araúxo e publicou Chan da Pólvora acompañado duns breves
ensaios sobre o período (1975-1980) de Manuel Rivas, Antón Seoane, Rafael
Araújo, Suso de Toro, ilustrados con fotos dos “toliños” e outros persoeiros da
época da autoría de Kukas, Fernando Bellas e Manolo Blanco.
O
traballo complétase cunha introdución na que Antón Lopo rescata algúns dos
“toliños” composteláns, altamente politizados e intelectuais en comparanza cos
de Xinzo, onde o máis lido era Marcelino, “o xograr de Villalón”, que tanto lle
tiña ler o xornal do dereito como do revés, pois as novas aconteceran tres
décadas atrás: “Hitler invade Polonia”, e o máis sabido don Ramiro, o mestre
políglota, alcumado “O Estranxeiro”.
Os
outros limiaos, facían cousas ben populares: o “Tiroliro” apañaba cabichas e
Clarita papeis, na procura do documento
das partillas; Agustín “O
Vicentito” conducía un tráiler que só el vía, e que, de cando en vez, se
transformaba nun avión que só el ollaba, mentres non paraba de dar voltas
arredor de si; o “tenente Mateo” era policía secreto en exercicio permanente; Pepe
Tejada andaba sempre a preguntar canto mide un quilo; JB, un toureiro carente
de valor pero sobrado de estilo; Rafa Cacá, un anano bombeiro e toureiro; o
“Fona” atarefado en medir os peidos;
Enrique “Picamoca” tamén recollía cabichas e cando o mandaban ir á
seitura dicía que non, ”que pica a
moca”; O Manequín ía disfrazado todo o ano menos no Entroido que andaba espido
... e así... algúns máis, entre outros o
Pelado de Damil que era un franquista elocuente e tan entusiasta como “O
Caudillo” que recuperou para a miña memoria, e para moita xente máis, o Antón
Lopo.
“O
Caudillo” habitara a “intransferible cidade” de Antón Seoane, a de Conxo,
próxima á “cidade do Saber e de Deus” e enrabiábase
moitísimo se alguén lle falaba mal de Franco (do auténtico, e non do do carro) ou da súa esposa
a quen bendicía con entusiasmo.
Interpretábase
daquela que moitos destes toliños eran resultado da persecución franquista, non
sen falta de criterio como despois fomos sabendo a respecto de Maruxa e Coralia
(as Marías), obxecto de chanzas dos insensíbeis de sempre, ou no caso do Casal
que andaba cunha cotorra. Lopo recupera outros que eu non lembro: Luís “el de
las Huertas”, o Binchas, o Si-Bemol...
A
quen si lembro, moi ben, é Monchiño
comecuernos que rousaba descentellado polas esquinas da parte de vella co seu
retrouso inesgotábel “cometeloscuernoscabrón, cometeloscuernoscabrón” e o Bretón facendo música na entrada da rúa do
Franco co seu bastón rañando a porta mentres cantaba composicións da súa vida,
no tempo que lle deixaba libre a súa actividade á fronte do primeiro, e supoño
que único, sindicato de pacientes mentais.
Pero
o libro vai sobre o fugaz Franco del Carro. Nome que interpretabamos como unha
referencia ao ditador e agora sabemos, segundo a información fornecida, estou
por asegurar que certeira, por Kukas a Antón Lopo, que estaba en relación coas
tapas dos sumidoiros de Fundiciones Franco. Aquel críptico e apocalíptico
profeta que nos anunciaba: “Escribo en nombre de un jinete que vendrá de la
tercera galaxia montado en un carro de fuego y envuelto en una inmensa llama
que lo devorará todo y entonces será cuando recobre mis tres poderes, que son
los mas grandes y absolutos que se conocieron desde la creación del Universo”.
Un
día foise e non se soubo máis del.
Domingo 16 de xullo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario