venres, xullo 28, 2017

Manda nabo!

A pesar de que manteño un blog non son coñecedor do funcionamento das denominadas redes sociais máis que como usuario e monótono seguidor de instrucións. Mesmo non emprego esa ferramenta de uso tan maioritario como twiter. Aínda así, non sei ben como, chegou ao meu móbil un chío ou rechío que me asustou profundamente.

Seica o Ministerio de Defensa enviou unha felicitación co gallo da festividade de “Santiago Apostol, patrón del Arma de Caballería, de Galicia y de toda España” que remataba coa patriótica e medieval  expresión de “Santiago y cierra España”, entre dous expresivos signos de admiración. De súpeto, ao ollalo, o mundo retrotraeuse a branco e negro, a pantalóns curtos e sabañóns, a roupa mollada e estufa de leña, o  leite en po e queixo amarelo,  o grupo escolar “Calvo Sotelo”, a “prietas las filas”, “montañas nevadas” e “cara al sol”, a formar, a castigos e a “formación del espíritu nacional”, ao “Guerreiro do Antifaz” e ao “Capitán Trueno”. Unha retrospección atemorizadora.

Quen daría a orde de emitir o chío? Sería o mesmo ministro? Non terá outra cousa mellor que facer o Ministerio de Defensa? Miña nai diríame, déixaos que así entretéñense. Sería quizais un alto cargo que, como non era festivo en Madrid, se encabronou un chisco? Un reconquistador medieval fuxido de Os visitantes de Christian Clavier? Ao mellor unha mensaxe anti yihadista? Ou quizais unha orde yihadista encriptada? A verdade é que todo parece posíbel menos un chío oficial dun ministerio dun goberno democrático agás que as ínfulas patrióticas estean xa absolutamente  desbordadas por mor do antipatriótico desafío dos separatistas cataláns á España eterna e á orde constitucional. Manda nabo.

Chanzas  á parte, chamoume a atención a desaparición da coma na frase que eu lembraba das infancias ennegrecidas;  co cal a cópula conxuntiva, reafirma a ansia clausurante de quen a emite na vez de “Santiago y cierra, España”, referida á orde de combate. E logo estaba pechada?, preguntáballe Sancho ao Quijano. Que se abra, reclamaba Valle nas súas “Luces”.


Martes, 25 de xullo de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario