luns, xullo 03, 2017

Vinte e cinco: continúa a frustración?


O outro día acompañei o  meu neto a unha desas festas de “cumpre” para cativos. Ben saben, unha algarabía miúda e riseira que sempre remata con algunha que outra queixa infantil ou choromicada estridente.  Unha das cativas, tan pronto a voluntariosa nai argallante do convite exhibiu a variedade de lambetadas excesivas, apañou un cunco ben rebordado dunha caste de pauciños amarelos enchoupados en sal e de intenso sabor. Bloqueou o conco chantando con fereza os cóbados e rodeando co resto do corpo o recipiente do que apañaba con ansia todos os pauciños que lle cabían na súa pequerrechiña man. Todos riron a chanza. O resto da xente miúda aínda andaba medio apalermada ante a exuberante mostra de lamberetadas. O caso é que algúns minutos despois, os pauciños de sabor intenso chamaron a atención da rapazada e desencadeouse o conflito que acabou en sufridos choros por parte da cativa obrigada a ceder na súa pretensión de exclusividade.

Tal cal o de cada vinte e cinco.

Hai tempo que se leva intentando, pero sempre as esperanzas e ilusións duns poucos, estragadas polos laretas de quenda, rematan en cínicos laios duns, badocadas doutros e xestos apesarados dos camanduleiros.

Xa houbo unha experiencia, por certo ben pracenteira para os de “na fronte unha estrela e no bico un cantar”, que poñía na soleira a esperanza derramada, infortunadamente, aos poucos meses.

Foi aquel vinte e cinco de xullo de 2015.

Pode que ninguén pense na urxente rexeneración económica, política, moral, cultural, psicolóxica... da cidadanía dun país do que foxen os brazos fortes e as mentes avisadas; pode que alguén pense que estamos ben como estamos mentres cada quen teña a súa leira máis ou menos aquelada; pode que ninguén pense na necesaria e urxente concentración de forzas populares; pode que alguén pense que ter unha leira máis grandeira que a do veciño é ao que se pode chegar; pode que ninguén pense en botar a peste xa que ao fin e ao cabo como xa estamos todos contaminados creamos anticorpos de estulticia; pode, en fin, que  moitos pensen que o que queda no país só sexan apestados ou aproveitados, barallocas e bulebule.

Négome a pensar así.

Cómpre que persoas e colectivos de amigos e amigas sinceros do país tomen a iniciativa; que sexan quen de superar, na práctica, os crípticos grupos políticos que co seu xogo curtopracista impiden a construción dunha alternativa solvente ao Partido Popular; que sexan quen de pensar en clave de necesidade patriótica; que sexan quen de actuar ao servizo da mocidade precaria, do parado sen esperanza laboral, do territorio ameazado, dos mozos e mozas que foxen,  da xente maior agoniada por ameazantes recortes de pensións, polos que vemos que a nosa lingua e a nosa cultura esvara entre os nosos dedos como se fose area que non damos coutado.

Cómpre tomar iniciativa pola esperanza.

O vinte e cinco é unha boa data para que se apele á  necesaria unidade da diversidade da esquerda nacional e do nacionalismo para erguer a alternativa. Cómpre que os amigos e amigas sinceros do país tomen a iniciativa e lla saquen aos círculos de misterio, como Prometeo lle birlou o lume aos deuses, aínda que sexa á  custa de que che coman o fígado.  

Ou non hai ninguén aí?

Luns, 26 de xuño de 2017




Ningún comentario:

Publicar un comentario