sábado, xullo 15, 2017

Volver a San Simón

Un ano máis procurarei navegar polo mar dos Cobres, dende Santadrán ata San Simón, non para honrar a Meendinho, que ben o merecía, ou camiñar baixo a sombra dos buxos, ou deitar os ollos sobre Cesantes, senón para pasar a ponte ata a de Santo Antón e pousar un caravel vermello, porque é preciso para que non se apague a memoria insatisfeita.

Porque nesta España dos horrores, 150.000 cadáveres seguen inhumanamente enterrados nas “cunetas”, oitenta anos despois do seu asasinato (un número só superado en Camboxa); porque nesta España o estado dedica recursos ínfimos a desenterralos e devolverllos dignamente aos seus familiares (dende 2009, orzamento “cero”); porque neste estado pódese argumentar que por mor da crise os cadáveres das cunetas poden agardar; porque neste estado os familiares e as asociacións da memoria teñen que seguir desenterrando cadáveres cos seus propios medios, trasladándoos e volvéndoos soterrar co absoluto desinterese de instancias xurídicas e policiais; porque este estado segue sen asumir a súa responsabilidade nas exhumacións; porque neste estado séguese a chamar Val dos Caídos a un campo de concentración e traballos forzados; porque neste estado dáselle a volta polo forro a unha lei de amnistía  ata convertela nunha de punto final; porque neste estado séguese a argumentar dende unha perversa equidistancia que pretende igualar culpabilidades entre os sublevados contra un réxime democrático e os defensores da súa legalidade; porque neste estado as sentenzas ilegais de tribunais de militares golpistas seguen a ter validez (agás en Cataluña, e xa veremos); porque neste estado o roubo de propiedades ficou legalizado polas pistolas; porque neste estado séguese a poñer dificultades aos investigadores con arquivos dispersos, sen sistematizar, fragmentados...; porque neste estado séguese a ter medo a dicir o nome dos asasinos e instigadores; porque nas rúas e nas prazas segue a haber símbolos franquistas e nomes de asasinos; porque a verdade histórica segue a ignorarse nos centros educativos; porque segue sen repararse o dano cometido; porque a administración de xustiza segue sen colaborar coas instancias internacionais; porque o último xefe de estado democrático segue soterrado en Montauban.

Por todas estas razóns, e máis que se poderían engadir, iremos un ano máis a San Simón.

Martes,11 de xullo de 2017





Ningún comentario:

Publicar un comentario