venres, xullo 21, 2017

A imperturbábel continuidade das elites acostumadas a gañar

Carlos Velasco (Galiza na II República, A Nosa Tera, 2000)  cualificou a II República como “o primeiro réxime democrático, no senso liberal-burgués,  da nosa historia”. Bernardo Máiz comparte a idea e debúllaa un chisco (Amada García e os seus arredores, Embora,2017): “Nas eleccións a deputados de xuño de 1931 gañaron claramente as organizacións que trouxeran a República (...) gobernando ata fins de 1933 partidos burgueses de centro-esquerda que miraban cara ás democracias parlamentarias europeas, uns políticos modernizadores, comprometidos coa educación, dispostos  a impor neutralidade política ao exército, a modificar a estrutura territorial, a separación igrexa-estado.”


Estou convencido de que aquel foi un dos escasos momentos nos que en España, no senso de estado-nación liberal, as cativas elites do nacionalismo español liberal foron quen de comprender que para asentar un réxime progresista tiñan, necesariamente, que esgazarse da matriz monárquica e recusar a hexemonía ideolóxica do nacionalismo español, conservador, católico e autoritario. Fracasaron. Foron derrotados pola revolta antidemocrática destes últimos, as armas franquistas achegadas pola Italia de Mussolini e a Alemaña nazi, o negror fascista emerxente e estendido pola Europa de entreguerras e a impericia das esquerdas, e en xeral dos progresistas, para construír procesos de conxuncións e ordenar prioridades.

Disto falamos hai algúns meses con ocasión da presentación da novela de Xaquín Fernández Leiceaga: Agosto de memoria e morte (Xerais, 2015). Novélanos o autor a derrota das escasas elites progresistas na súa Noia natal, a formación dunhas novas a partir dos mozos “en-fasticizados” no breve período (1933-1936), a súa consolidación no poder e enriquecemento  persoal  tanto nos anos da guerra como nas décadas posteriores. O mesmo Leiceaga comentábanos que a súa intención era facer un relato sobre a construción do poder durante o franquismo. Os protagonistas da novela son mozotes en  1936; nos primeiros setenta están  en retirada e na procura da perpetuación das elites. Iso será, na miña opinión, o que é a “modélica transición”.

A miña xeración, que é a de Xocas, aínda que este sexa uns cantos anos máis novo, é tamén a  dalgúns máis vellos ca min; aquela que viviu o seu momento fulgurante entre os finalisimos sesenta  e os primeiriños oitenta non foi quen de ocupar o territorio dirixente no noso país. Un proceso pouco homologábel cunha “xeneralidade española”, por certo bastante máis complexa que a dos eufemisticamente chamados “medios nacionais”; non me refiro só ao consabido “diferencialismo” catalán ou vasco, senón tamén á ocupación de teóricos espazos progresistas por elites formadas no  conservadorismo e, en especial, no nacionalismo español, por exemplo en Estremadura e Andalucía.

Vindo ao noso. Van alá corenta anos das eleccións de 1977, que se converteron en constituíntes. En 2021, outubro, cumpriranse as catro décadas da elección do primeiro Parlamento Galego. Podemos facer múltiples lecturas do proceso que vai dende o asalto ao poder dende as cloacas da inmoralidade por aqueles mozos noieses dos que nos fala “Xocas” Leiceaga ata o limpo desodorizante co que perfumaron o relevo de 1978.

As contas son as contas. Oitenta anos despois da derrota e exterminio das elites liberal-progresistas republicanas, unha acción modernizadora non foi quen de facer máis que tímidos xestos tanto no  breve interregno de González Laxe como no mandato de Pérez Touriño abaneado este pola crise, a impericia, as desconfianzas entre aliados, as miradas de esguello dentro dos partidos gobernantes e, nos dous casos, pola conspiración do nacionalismo español conservador e católico disfrazado de progresista.

Hai unha nova xeración que está a vivir o seu “momento de esplendor”. A algúns xa os colle un chisco maiorciños, será pola eternización dos procesos formativos e de emancipación?. Non sei se iso explica certas pulsións autistas centralizadoras e inmediatistas. Gustaríame que matinaran un chisco na frustrante experiencia da xeración dos setenta, non para imitar os seus defectos, senón para aprender algunhas das súas virtudes, como a do compromiso que os daquela mozos aínda seguen a manter hoxe en moitas ocasións. Non sei se será va a ilusión. Ao peor o momento fulgurante  xa rematou.

As elites galegas procuraron sempre  a súa supervivencia  e conseguírono ao longo de oitenta anos. Unha permanencia resultado da explícita admisión, como grupo, do seu rol subalterno ás clases e fraccións que deseñaron, dende hai dous séculos, o modelo do estado-nación España. Non tiveron nunca pretensión de cuestionar esa marxinalidade, tamén delas, sempre e cando non se puxese en cuestión o seu “mando en praza” e se permitise que algún dos seus exercesen poder administrativo na corte. Son recua: Rajoy, Joaquín Calvo Sotelo, Carrero Blanco, Franco e se imos un pouco para atrás, Casares Quiroga e Portela Valladares; podemos recuar aínda máis: Bugallal, Dato, García Prieto, Canalejas, Montero Ríos, só por citar os xefes de goberno; poderiamos engadir persoas de tanto poder como Fraga, Nieto Antúnez, José Calvo Sotelo... Mais xa foi.

O caso é se somos quen de argallar unha alternativa para apartar por un tempo prudencial esas elites aínda que só sexa para que perdan o costume de gañar.Imos deixar un novo ciclo político (dúas ou tres lexislaturas)  en mans de grupos que renuncian de partida a representar un sentir colectivo nacional, de persoas dispostas a entregar os recursos económicos, financeiros, produtivos ou mineiros...; mesmo dispostos a cortar calquera caste de esperanza de rexeneración vital ou territorial se esta cuestiona o máis mínimo, o seu dominio?.

Esta é, na miña opinión,  a cuestión central para a subalterna Galicia e as súas clases subordinadas. Á cal só se pode responder dende unha ampla alianza social que sexa quen de remediar a impericia das esquerdas, e en xeral dos progresistas, para construír procesos de conxuncións e ordenar prioridades.

Andar coas aburridas brincadeiras de quen é máis de esquerda ou quen é máis nacionalista, só serve para destruír a confluencia. Hai quen estea por facelo?, haino; menos dos que o din, pero haino; porque é un clamor social. Cómpre darlle aire, reducir o peso dos grupos que, sempre os vai haber, pretendan limitar a conxunción; agardar, con tino, por aqueles que poidan tardar máis en converxer e avanzar no diálogo cos aliados necesario para formular a alternativa posible cara ás eleccións municipais e as parlamentarias de 2020. Precisase rexeneración, pero esta só a podemos construír nós. Ollando con atención pero sen deixarnos atordar polos asuntos de fóra.

Non é bo que ninguén se afaga a gañar sempre, e moito menos durante décadas que fan séculos.

18 de xullo de 2017
(81        anos despois e seguimos sen botalos democraticamente para a súa casa)
(82         

*A Peneira, xullo, 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario