Métencho polos
ollos. Ao mellor non se decatan do efecto saturación do que se fala na química
cando o incremento da cantidade de soluto fai que xa non sexa posible aumentar
a concentración. É ben certo que gusto do fútbol, como deporte e como espectáculo.
Pero doses tan elevadas fan que un non sexa quen de seguir tanta actividade e sinta
unha certa anguria.
O éxito do
fútbol como deporte segue a ser indiscutible. A beira da miña vivenda hai un
campo de herba artificial, vicerreinado
Louzán, á que non lle debe ser moi doado soportar (á herba, non a Louzán) as
carreiras permanentes de centos de cativos, rapaces e rapazas, non tan cativos
e mesmo entrados en anos e carnes que todos os días, en especial as fins de
semana, dedícanse a darlle couces ao balón entre os berros desaforados dos
adestradores (non sei se habería que dicir coaches para que se entendese) para
desesperación, supoño, dos que teñen que cadrar horarios, e cabreo da veciñanza
que temos que soportar as varonís ordes, a musiquiña da “ champions” (outra que xa non se entende
doutro xeito), e os reiterados Happy
birthday to you.
É evidente,
o que se olla dende o balcón da miña
vivenda non é o mesmo, nin na orixe, nin no fin, nin, sobre todo, na execución,
a respecto do que podemos ver en Balaídos, onde o balón voa trinta ou corenta
metros do pé dun xogador ao doutro que ademais vai correndo a toda velocidade.
Hai anos lin nun manual de Historia da Filosofía explicar a idea platónica de
beleza, da esencia, a partir dun pase de Maradona. Era enxeñosa e útil para
captar a atención da adolescencia futboleira. Escusen as persoas lectoras
entendidas e mesmo as non afeccionadas ao espectáculo da patada, pero percibir
o xogo de liñas e movementos dun deses equipos estelares aproxímase moito, ao
meu entender, aos conceptos esenciais, se é que estes existisen, de ritmo,
estética, orde, coordinación, composición, xeometría...
Así que esoutro día acendín o televexo, que diría de coña o Manuel María. Ningunha novidade,
poñían fútbol. Xogo de amizade entre as seleccións española e francesa. Pero
había sorpresa. Había VAR, con V. Nalgún lugar vin este rotulo, así que
aproveito para pillalo para a ocasión. Non facía referencia ao lugar para
coller o “bocata” ou os refrescos, senón a “videoarbitraxe”, que non sei
tampouco como fixeron para tirar de aí o de VAR.
O caso é
que cando o equipo formado na súa maioría por gavachos coloniais meteron a bola
na portería, o arbitro sinalou o centro do campo; pero alguén dende as alturas
díxolle que erraba e o gol foi anulado. Pouco despois, cando un dos cataláns
que xogan para España fixo o mesmo, e, pola contra, o colexiado considerou que
estaba en fóra de xogo, dende as alturas corrixírono e deron o gol como válido.
Cómo é
lóxico a confusión entre xogadores e espectadores foi grande. Os que aplaudían
excitados tiveron que deter de súpeto o seu entusiasmo, os magoados rostros
mudaron en ledos sorrisos e acenos de
rexouba pola sorpresa. O goleador, un, tivo que deixar as monadas celebratorias para
mellor ocasión e o outro poñerse a
facelas sen a espontaneidade do momento.
Ben sei que
custa afacerse ás novidades, mais este “interruptus” celebrador, ou lamentador,
ameaza con saturar a sobreexposición futbolística e limitar tanto a salsa do
debate postpartido como o engano xustificador da derrota.
Xoves,
30 de marzo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario